sábado, mayo 31, 2008

A MESA POSTA

A nosa alumna Celeste Chan invítanos a comer nesta mesa con mantel tan colorista. Trátase dun bodegón, unha iconografía que non ten moitos adeptos pola súa relación coa sobriedade e o formalismo. Sen embargo esta é unha proba do atractivo do tema, onde cada peza é un fragmento do círculo cromático. Na pintura combínanse as cores frías e quentes acadando un equilibrio perfecto. A vitalidade e enerxía que desprende a obra fan dela unha representación atractiva para calquer espazo.

VOLVORETAS VERMELLAS

Sara Besada rematou esta fabulosa obra. Fabulosa non só polas súas dimensións senón pola dedicación e o traballo deixado na súa elaboración. Destacou dende o principio, ainda antes de ser abocetada, pero o resultado é moito máis que agradecido. No trascurso das clases as cores cálidas (vermellos, laranxas e rosas) ían impoñendose como protagonistas sobre as liñas e os motivos figurativos (tres volvoretas). Con todo, non foi ata as últimas clases onde a colocación dos detalles estableceu o significado total da pintura. Parabens Sara!

ESTAMPA ORIENTAL

Seguindo a traxectoria dos retratos étnicos, a nosa alumna Ardoiz volve escoller unha figura humana de representación moi achegada ao hiperrealismo. Nesta ocasión, a delicadeza e complexidade das ropaxes sustitúe en protagonismo ás carnacións, únicamente representadas por un rostro e nuca de perfil. A atención iconográfica está presente no gran lazo posterior ricamente decorado. Nas cores, o vermello é o gran protagonista entre o negro do cabelo e sobre o branco de fondo.

NOVO MIRÓ

Non é segredo ningún que o pintor vangardista Miró atrae ós nenos e nenas. En Ronsel é copiado constantemente. Son as súas cores industrias e as súas formas básicas moi preto do grafismo infantil, o que fai que os rapaces e rapazas sintan interese polas súas obras. Yaiza Aguín volve probar cunha pintura da súa etapa tardía, representando unha muller con flor. Non foi doado de entender pero cunha breve explicación localizouse a anatomía e o atributo que porta. Dentro da traxectoria da alumna é unha representación contemporánea entre as máis tradicionais.

domingo, mayo 04, 2008

O QUE BEN CHE QUER

Con motivo da celebración do día das letras galegas, este 17 de maio, a editorial pontevedresa Oqo, presenta unha publicación do escritor conmemorado: Xosé Mª Álvarez Blázquez. E como a data de hoxe é tan familiar, mencionamos un conxunto de poemas deste escritor, para a súa filla Colorín, presentados por Pepe Cáccamo e ilustrados pola súa irmá Berta Cáccamo. Esta, realiza unhas acuarelas con delicados trazos, unha figuración mínima e suaves cores, acompañando os versos e deixando nas nosas mans un produto delicado. Parte dos poemas pertencen ao libro Roseira do teu mencer e parte son inéditos. Entre eles gustaríanos compartir con vos aquel que lle dá título ao libro, e que ademais conta cunha das ilustracións máis interesantes.

O que ben che quer

eche o vilorico que anda polo ler.

Ise si que é boque viu dende lonxes aguillando o vóso

mentes por verte e que o viras ti,

para que os dous brincases; ti co teu oh, oh,

e el co seu chi, chi.

O viloricode longo bico

e longas patas de gabirú

que nin di cu - cu

nin anda con trolas de chicherico.

- Que non diga o moucho,

que no diga o cuco,

que non diga a poupa

que che queren muito...

O que ben che quer

está silandeiro enriba de un pé.

Sabes ti quen é?

Éche o vilorico que anda polo ler.

SOROLLA E OS SEUS CONTEMPORÁNEOS

A partir do 21 de abril a mostra “Sorolla e os seus contemporáneos” trasládase á Sede Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela, onde permanecerá ata o próximo 6 de xullo. Destacados pintores do ‘cambio de século’ danse cita nesta exposición, na que poderemos ver unha magnífica colección de pintura española do Museo de Belas Artes de La Habana. Ademáis, reúnense no edificio compostelano un conxunto de 60 obras de Sorolla, Zuloaga, Santiago Rusiñol, Anglada Camarasa ou Cubells, entre outros. O horario é de luns a venres: 12:00 h. a 14:00 h. e 18:00 h. a 21:00 h. Sábados, domingos e festivos: 12:00 h. a 21:00 h. Visitas guiadas.