Mostrando entradas con la etiqueta obradoiro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta obradoiro. Mostrar todas las entradas

sábado, enero 31, 2009

PELIQUEIRO DE LAZA

Sobre fondo oscuro, coroado por reixas oxidadas, sae á troula o peliqueiro de Laza. Celebrando as próximas festas do entroido galego, o personaxe podería ser tamén o cigarrón de Verín ou a pantalla de Xinzo. A nosa alumna máis veterana, Isabel, apostou por un tema complicado, moi laborioso e de técnica hiperrealista, que non podía deixar nada á invención ou improvisación.
Foi un traballo duro e largo no tempo. Houbo que buscar a precisión e perfección dos detalles, algúns tan insignificantes como os imperdibles que suxeitan a faixa a eses flecos en movemento. As cores dos lazos, da garabata, os ouros desa chaquetilla, a representación desa ave simbólica que coroa a máscara, todo perfección. A festa está a punto de comezar, e o personaxe se presenta listo para castigar aos veciños co seu látigo, coloca a mitra e sae a correr.
Felicitamos moi especialmente a esta artista, que neste mes que acaba, non só deu a luz esta obra, tamén a súa filla Emma, que moi pronto esperamos ver nun lenzo. Parabéns Isabel!

CRISTAIS DE COR

A nosa alumna máis paciente e perseverante mostrou unha vez máis as súas aptitudes para o labor tan artesanal que reflicte esta obra. A temática, máis preto do deseño gráfico que da pintura tradicional, enfréntase a unha técnica do máis delicada. Pinceladas planas, unhas sobre outras, transparencias contrastadas, reflexos traslúcidos e brilos oscuros e brancos, moitos detalles que non poden pasar desapercibidos. Tere conseguiu representar todos eles estudando a imaxe rescatada desde fai tempo. Moitas horas de execución e reparación, compartidas coa dificultade desas liñas e superficies perfectas que non deixaron oco en ningún momento á improvisación e a pincelada solta.
E a cor foi un traballo de proba, erro e acerto que impediu en moitos casos progresar e avanzar. Nembargantes, sen o cromatismo vivo e contrastado, o efecto non sería o mesmo. Sobre fondo despintado e imperceptible, totalmente descoñecido, as botellas de cor son as protagonistas. Felicidades Tere, moi bo traballo!

O FILLO DO HOME

René Magritte pintou esta obra como un autorretrato, ainda que o presonaxe esté representado de forma anónima xa que o seu rostro aparece tapado cunha mazá. Trátase dunha obra surrealista, da que o noso novo alumno Francisco rescatou un fragmento. Toda a obra considérase un simbolismo, como todo surrealista, usaban a teoría de Freud como referente para expresar os sentimentos ocultos e do inconsciente, como se fose un soño. Así, a névoa podería simbolizar o estado anímico do personaxe. A mazá, según os teóricos, representa a tentación, podendo ocultar ao fillo de Adán, segundo o título. Según o artista, o cadro denuncia o doado que é para nós encher o que non coñecemos. O home, para él ten moitas cousas que non da a coñecer, que tapa, igualiño que na obra.
Esta aposta como primeiro exercicio no obradoiro Ronsel, exemplifica o curso que vai seguir este alumno, cheo de sorpresas e cargado de referencias ás avangardas máis próximas. A próxima intención estará relacionada co expresionismo.

PAISAXE DA TOSCANA

Trátase dunha copia de pintura, non sabemos de onde procede pero a súa similitude coas paisaxes da Toscana italiana. Sara Besada intenta de novo unha temática moi similar á de obras anteriores. O traballo de pincel e paleta segue sendo paralelo, conseguindo misturar pincelada plana e textura. As cores sempre dentro dun abano quente (do amarelo ao maxenta), contrapoñéndoo aos verdes da vexetación, sempre protagonistas.

MAREA BAIXA

A segunda obra da nosa alumna Mª Xesús está chea de tranquilidade e calma. Unha barca repousando na charca deixada pola marea baixa, despois dunha vida de tarefas, sobre un manto amarelo. Frente a isto a actividade e o dinamismo do fondo, cheo de público, que disfruta do mar azul, calmo, que continúa no ceo intenso de verán.
As liñas ondulantes non só pertencen ás dunas, as ondas do mar... a cor fomenta o protagonismo desa area amontonada e desa auga estancada que se contrapoñen e acomodan coas cores da barca, cheas de capas de pintura acumuladas co paso do tempo.
Ainda que a factura preséntase sinxela, o cromatismo deu traballo á súa autora que perfecciona co tempo o dominio da paleta.

miércoles, diciembre 31, 2008

A MULLER DE DALÍ

A través dunha fiestra unha muller observa a paisaxe iluminada do exterior. O contraste é patente e perfectamente delimitable entre interior e exterior. Yaiza Aguín supérase cada vez máis, e que ainda que a obra puido ter uns remates máis elaborados, a iniciativa de escoller este tema de confección tan realista é un punto ao seu favor. A opción de paleta de azuis e grises é moi variada, con tonalidades que varían dende o magenta ao azul celeste, acompañados do branco e negro, da luz e da oscuridade.
Esta muller de espaldas presenta moitas interpretacións, ainda que a máis xeralizada foi a de ser a súa amate, muller e compañeira Gala, que representa en moita da súa obra. Ainda que aquí ten a función de espectadora, as súas aparicións soen ser muy variadas sempre como protagonista.

O VELEIRO

A nosa xove alumna Andrea García, probou cunha temática do máis tradicional. Un veleiro clásico que navega en alta mar. Unhas cores sobrias onde prevalece a paleta azul non deixan espazo á sorpresa nin a improvisación. Toda a actividade pictórica está adicada ao retoque, a execución minuciosa e a copia exacta. Ainda que non pode considerarse unha obra apropiada para perfeccionar a técnica do óleo ou introducir novas aplicacións, trátase dun exercicio bo para exercitar o pulso e a precisión. A próxima obra, totalmente aparte.

sábado, noviembre 15, 2008

ABELLA

O que máis sorprende desta obra é a calidade das texturas, a trasparencia dos tonos e o protagonismo do claroscuro que fan da representación unha imaxe que non pasa desapercibida. Usando os tons das abellas, Mª José Ardoiz, conseguiu cunha gama de cores amarelas fusionar a flor coa protagonista: a abella. O branco e o negro serven de encaixe para as luces e as sombras, perfectamente delimitadas e que ofrecen á pintura un carácter do máis realista. Moitas felicidades por este avance, un paso máis hacia unha técnica perfeccionada e dominada.

VIOLETA

O Concello de Sanxenxo a través do O.A. TERRA de Sanxenxo, xa comezou a "IV Convivencia Artística TERRA DE SANXENXO", dende o día 16 ata o 28 de Novembro. Os estudantes participantes son de segundo e tercer ciclo das Facultades de Belas Artes españolas e portuguesas.

Nesta sexta edición o VIOLETA será a cor protagonista. O O.A. TERRA de Sanxenxo editará un catálogo que recolla o traballo dos participantes e organizará unha exposición, reservándose a elección dunha obra de cada un dos mesmos, que será donada e pasará a formar parte do patrimonio do Concello de Sanxenxo.

ENTRE FLORES

Seguindo a serie de motivos florais, a alumna Maribel Gondar, está a realizar un conxunto de pequenos tablex pintados ao óleo. As cores son as protagonistas, con fondos de tonalidades azuis, malvas e violetas que contrastan con branco e verde das representacións vexetais. Ainda que queda moito por avanzar, esta temática é un medio para conseguir a dominio da mestura dos pigmentos e do control da pincelada. Esperamos a seguinte representación xa comezada.

domingo, octubre 12, 2008

DORA MAAR

Amante de Picasso pero tamén artista, esta muller retratada ten unha conexión directa como musa, amiga e amada. É inevitable que o seu nome sone públicamente por esta relación co maestro que a retrata, ainda que é preciso engadir a súa gran calidade como fotógrafa. Nestge modelo de retrato de grande interese para a nosa alumna Luísa, as cores acompañadas e guiadas da liña negra fan atractiva a pintura e demostran o grande dominio da fisonomía e perspectiva por parte do grande maestro do cubismo.

lunes, septiembre 08, 2008

SOÑO DE DALÍ

Esta representación realista é un soño-copia de Dalí, o xenial artista que tanto atrae a nosa alumna Yaiza. A figura feminina espida de tan complicada anatomía foi quizais o motivo máis traballado. O chan frío e recortado contrasta co paisaxe limpo e valeiro. Un avance máis para esta nova pintora que destaca na súas pinturas, paso a paso.

FOLLAS IMPRESIONISTAS

Elixida pola nosa alumna máis xoven, Lucía decidiuse por esta temática impresionista onde as pinceladas vibrandes de cor forman conxuntos de natureza perfectamente entendible. Os verdes priman na composición, nunha variada policromía desde os amarelos aos brancos. Foi unha obra rápida pero interesante para a práctica da mestura da cor e a impresión da pincelada.

lunes, agosto 11, 2008

REDEIRAS

Marina Canut Caneda remata este lenzo de temática mariñeira no obradoiro de arte. As súas influencias recurren aos primeiros pintores do estilo costumbrista galego: Colmeiro, Maside, Laxeiro, sempre dende unha técnica inicial realista. As cores intensas e contrastadas enfréntanse aos temas máis tradicionais da paisaxe laboral mariñeira. Tres mulleres de antaño e de agora, nunha práctica por momentos esquecida pero de gran valor etnográfico e cultural.

martes, agosto 05, 2008

A PINTAR CANGAS

A Asociación Cultural A CARÓN DO MAR e o CONCELLO DE CANGAS anuncian a convocatoria da V Edición do concurso de pintura rápida 'A PINTAR CANGAS', que terá lugar o domingo 24 de agosto do 2008 e invita a tódolos interesados en mostrar a súa propia concepción da arte a participar. Preme aquí para ve-las bases.

jueves, julio 17, 2008

III CONCURSO DE PINTURA AO AIRE LIBRE

Un ano máis, o Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo organiza o concurso " Paisaxes de Sanxenxo", o próximo 2 de agosto.
Poderán participar tódolos artistas que o desexen, con inscrición gratuíta por medio dunha preinscrición por correo electrónico en ccdsanxenxo@terra.es, ou por teléfono ao 678202996.
A obra deberá realizarse forzosamente "in situ". Cada participante deberá escoller libremente o seu emprazamento para pintar a súa obra. As obras poderán realizarse con calquera técnica ou procedemento e con completa liberdade de tendencias ou estilos. O selado das teas ou soportes farase de 09:00 a 10:00 horas, o mesmo sábado día 2 de agosto, no local de Nauta o lado da Oficina de Turismo do Concello de Sanxenxo, no Porto Deportivo. Haberá un primeiro premio de 600 € e un segundo premio de 500 €.

viernes, julio 11, 2008

NENOS NA PRAIA

Andrea García rematou un lenzo ao óleo que supuxo un grande esforzo pola súa parte. É a terceira obra feita en Ronsel e as mañas e as técnicas ainda están moi imprecisas para poder axustar o estilo deste pintura. Trátase dunha obra do xenial artista Joaquín Sorolla, un maestro da luminosidade e a cor da costa mediterránea do século XIX. Esta copia non foi sinxela xa que o tratamento da pintura neste cadro obriga a un coñecemento preciso da pincelada e da mestura da cor. Son uns inicios moi positivos, o resultado así o proba.

viernes, julio 04, 2008

GAIVOTA

Esta obra é o comezo dunha andaina por parte da nova alumna Elena Souto Rea. Ainda que a práctica da pintura xa era coñecida, o tempo fai que os coñecementos desaparezan e sexa preciso unhas clases de introducción. A temática foi moi sinxela pero á vez determinou a realización de diferentes técnicas de fundido e detalle precisas para enfrentar unha obra posterior. O resultado é interesante e positivo para encarar ás seguintes clases. Ánimo Elena !!!

ESPIDO EN MANCHAS

De carácter novidoso e pincelada espontánea, unha nova obra sae do obradoiro Ronsel. O que atrae ao espectador a primeira vista é o enfrontamento cromático de gamas quentes que rompen có versátil malva. Unha intensidade da cor que deixa paso a unhas formas abocetadas e impresionistas da linguaxe corporal. Con un fondo homenaxe ao neoclasicismo, os cortinaxes represéntanse moi alonxados dese estilo clásico, polas súas formas abruptas e cortantes. A súa autora, Ángela Martínez segue a insistir nos estilos menos resoltos que obrigan a unha elaboración máis coidada da pincelada e da colocación da cor. As avangardas seguen a estar presentes como estilo preferido.

sábado, mayo 31, 2008

A MESA POSTA

A nosa alumna Celeste Chan invítanos a comer nesta mesa con mantel tan colorista. Trátase dun bodegón, unha iconografía que non ten moitos adeptos pola súa relación coa sobriedade e o formalismo. Sen embargo esta é unha proba do atractivo do tema, onde cada peza é un fragmento do círculo cromático. Na pintura combínanse as cores frías e quentes acadando un equilibrio perfecto. A vitalidade e enerxía que desprende a obra fan dela unha representación atractiva para calquer espazo.