viernes, febrero 29, 2008

ULIR E TOCAR I

Se non fose porque se trata dunha pintura ao óleo aplicada nun lenzo sobre bastidor, podería describirse como unha fotografía. Esta representación hiperrealista, minuciosa ata o traballo máis paciente, é obra de Teresa Iglesias. Esta alumna vaise facendo un oco e un respeto pola súa actitude ante retos cada vez maiores, así como por esas aptitudes que ainda que as tivo desde un inicio, estalas a perfeccionar día a día. Sabemos que dúas horas é pouco para ela, pero o interese e a perseverancia fan moito. Moi bo traballo Teri ..., a seguinte aventura será un novo reto.

miércoles, febrero 27, 2008

III MOSTRA UN PASEO ENTRE.ARTE

Un ano máis, os escaparates dos comercios asociados a Entretendas Centro Comercial Urbano de Sanxenxo, terán un recuncho para a exposición de obras de arte. A mostra, que por terceiro ano consecutivo segue escollendo pinturas e esculturas de artistas galegos, levarase a cabo entre o 21de abril e o 4 de maio de 2008. Tódalas obras serán orixinais, sen discriminación de orixe e idade no caso do artista, nin de técnica no caso das obras plásticas (escultura e pintura). De maneira anticipada, os artistas deberán enviar por correo electrónico á dirección: entretendas@entretendas.com , as fotografías das obras que se queiran expoñer, acompañadas dos datos das mesmas (autor, título, técnica, medidas, ...), e dun pequeno currículum d@ artista. No caso de que o artista desexe que na cartela que acompaña á obra apareza o prezo debe constalo no correo electrónico, engadindo este dato en cada obra.
Esperamos que este ano a obra sexa do máis variada e completa para disfrute dos nosos paseantes e... clientes.

martes, febrero 26, 2008

CONSTANTE DILEMA

Sabemos que o Patrimonio debe ser conservado e mantido no tempo para que as xeracións futuras poidan contemplalo e estudalo en toda a súa integridade pero, a qué prezo?
Moitos restauradores ocúpanse desta labor con certa autonomía, ainda que na súa maioría teñen sobre eles un control remoto que ven dado polo interese económico. Sabemos que os concursos por acadar obra de máis ou menos interese cultural e social obriga, en moitos casos a apretar un orzamento, non só en prezo senón tamén en tempo. Non sei qué é o peor, porque moitos de nós, ainda que traballando cós medios máis escasos conseguimos resultados positivos e respetuosos coas obras de arte, sen embargo, o tempo non ten cabida. Moitos dos tratamentos visualizados a partir das alteracións, conseguen superarse e alongarse no tempo, obrigando a unha ralentización de todo o proceso. E ainda que sabemos que no informe de entrada é obrigado unha data de saída do obradoiro, sempre implicamos estos pormenores para non deixar de ser profesionais. Nembargantes non podemos comercializar coas horas de traballo, cada proceso é o que é e leva o que leva chegar ao seu fin, doutra maneira estaríamos danando o traballo e deixándoo incompleto, co único obxectivo de competir pola obra.
Un só orzamento e dous parámetros incompatibles: o constante dilema.

DECORACIÓN, RELAXACIÓN, CREACIÓN

O vindeiro día 22 de marzo comeza un curso de Mandalas no obradoiro de arte Ronsel. Os obxectivos son introducir ós asistentes no mundo dos mandalas, un método que axuda a descubrir a propia creatividade, vencendo a rutina e o stress de forma doada. Cun percorrido polos numerosos tipos de mandalas e as súas posibilidades, o alumno pode ser quen de crear os seus propios deseños e experimentar con técnicas e materiais novos. De modo paralelo, esta actividade ten unha finalidade terapéutica onde o alumno gañará en confianza e serenidade mediante a creación.
O curso realizarase dentro da programación da concellalía de xuventude para este ano 2008. A duración do curso será de 12 horas, repartidas en clases de 2 horas, tódolos sábados, de 17 a 19 horas da tarde. Esperámosvos a todos ¡¡¡

sábado, febrero 16, 2008

MULLERES NA ARTE

“Arte, muller e sociedade, unha complicada dialéctica. Musas femininas tras xenialidades masculinas" é o título da conferencia que terá lugar o 21 de febreiro na Sede Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela, dentro do ciclo divulgativo "Mulleres na Arte: Ausencias e presenzas. Musas e artistas". "O longo período das ausencias creativas. Muller, modelo pero non artista” será a segunda conferencia e terá lugar o 28 de febreiro. Estas sesións formúlanse como unha constatación gráfica e estilística do intenso protagonismo que tivo a muller como musa ou modelo no ámbito das artes plásticas, a través dos coñecementos de Ana Pereira Morales. Este novo ciclo de conferencias chega á Fundación Caixa Galicia có fin de facer unha breve incursión no mundo da arte e a súa relación có sexo feminino. Esta licenciada en historia da arte, encargarase de darnos a coñecer a complicada relación entre arte, muller e sociedade establecida ao longo da historia.

ARCO 08

Dente este venres e ata o 18 de febreiro estase a celebrar en Madrid a feira de arte ARCO 2008, un punto de encontro para todo profesional no mundo da arte contemporánea. Antón Patiño, Pamen Pereira, Vicente Blanco, Álvaro Negro, Jorge Perianes, Rubén Ramos Balsa, Francisco Leiro, Pedro Barbeito e Diego Santomé son algúns dos nomes galegos que sonan nesta edición.
O programa artístico de ARCO 08 contará finalmente coas propostas de catro galerías galegas seleccionadas polo Comité Organizador para ARCO, que xa vai pola edición número 27.
A galería viguesa Ad Hoc formará parte do programa xeral, que reunirá grandes galerías de todo o mundo. Por outra banda, Bacelos e Trinta incorpóranse a ARCO40, un espazo novidoso dentro da feira que reunirá obra artística producida por tres artistas nos tres últimos anos nun espazo limitado a 40 metros coadrados.
Con sede en Santiago, Trinta presentará nesta edición o proxecto artístico esto no es pop, do artista catalán Carlos Pazos. A obra explora a arte conceptual mediante vídeos, música orixinal, obxectos e fotografía.
Bacelos estará tamén en ARCO 40 coa proposta de Victoria Diehl. A artista galega parte do mito de Pigmalión para xogar coa ambigüidade das estatuas que se volven reais na imaxinación e das persoas que se volven imaxe. A fotógrafa Laura Torrado e a artista portuguesa Catrina Campino forman parte do abano de Bacelos para ARCO 40.
Ademais, nesta edición inclúese a sección Expanded-Box, unha aposta polas tendencias que exploran a influencia da tecnoloxía na arte, e na que estará presente a Galería C5 compostelá coa obra da lucense Ana de Matos Face to Face, na que a artista contrapón o glamour da pasarela fronte ás imaxes de miles de mulleres producindo nos talleres de China.
Tamén na sección Solo Projects participará a galería viguesa Ad Hoc cunha instalación de Josep-María Martín.

O CAMIÑO DE BALDOSAS AMARELAS

Coma se dun conto se tratase, e aceptando paralelismos, esta pintura de Yaiza Aguín, ten un tema escollido dun texto ilustrado. Teño que dicir que a elección veu dada pola profesora, xa que podía ser un perfecto exercicio de pintura, onde a mestura de cores estaría por riba da representación de realidades e formas. O resultado foi moi satisfactorio e Yaiza está comezando a traballar máis libremente. O seu ollo deixa de mirar para ver mellor os detalles e diferencias sombras e luces que antes eran imprecisas. A partir de agora as pautas, ainda que non tan constantes, estarán presentes para un avance máis avanzado e progresivo. Parabens.

ÁRBORE ORIENTAL

Aquí temos un motivo sinxelo e simple: unha árbore de ramaxe espido. As formas son secundarias, deixando o protagonismo ao fondo, unha gradación de cores que simulan un atardecer de recordo oriental. O paso do amarelo pálido ao laranxa serve de contraste cos motivos decorativos das flores e follas, brancos e verdes, motivos da pintura. Mónica López persegue unha composición decorativa, onde o cromatismo é o principal elemento a ter en conta.