
O programa artístico de ARCO 08 contará finalmente coas propostas de catro galerías galegas seleccionadas polo Comité Organizador para ARCO, que xa vai pola edición número 27.
A galería viguesa Ad Hoc formará parte do programa xeral, que reunirá grandes galerías de todo o mundo. Por outra banda, Bacelos e Trinta incorpóranse a ARCO40, un espazo novidoso dentro da feira que reunirá obra artística producida por tres artistas nos tres últimos anos nun espazo limitado a 40 metros coadrados.
Con sede en Santiago, Trinta presentará nesta edición o proxecto artístico esto no es pop, do artista catalán Carlos Pazos. A obra explora a arte conceptual mediante vídeos, música orixinal, obxectos e fotografía.
Bacelos estará tamén en ARCO 40 coa proposta de Victoria Diehl. A artista galega parte do mito de Pigmalión para xogar coa ambigüidade das estatuas que se volven reais na imaxinación e das persoas que se volven imaxe. A fotógrafa Laura Torrado e a artista portuguesa Catrina Campino forman parte do abano de Bacelos para ARCO 40.
Ademais, nesta edición inclúese a sección Expanded-Box, unha aposta polas tendencias que exploran a influencia da tecnoloxía na arte, e na que estará presente a Galería C5 compostelá coa obra da lucense Ana de Matos Face to Face, na que a artista contrapón o glamour da pasarela fronte ás imaxes de miles de mulleres producindo nos talleres de China.
Tamén na sección Solo Projects participará a galería viguesa Ad Hoc cunha instalación de Josep-María Martín.
No hay comentarios:
Publicar un comentario