lunes, diciembre 31, 2007

DÍA A DIA... UVA A UVA

Unha noite tan especial como a de hoxe, comeza moi cedo e remata ao amencer. Temos a moitos aos que saudar e felicitar o ano. Temos a moitos aos que vemos só nesta noite. Temos a moitos a quen bicar e cos que bailar. Que estas intencións non queden na noite e permanezan nos 365 días seguintes. FELIZ ANO 2008¡¡¡

PASAMENTO DE XAIME QUESADA

O artista ourensán Xaime Quesada Porto morreu este domingo aos 70 anos de idade. O pintor, gravador e escenógrafo, gañador da Medalla Castelao de 2004, morreu na súa casa de Ourense despois dunha longa enfermidade.Aos dezanove anos entrara a estudar na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, onde integrou o grupo O Volter, inspirado por Vicente Risco e Ramón Otero Pedraio, xunto a Acisclo Manzano e José Luis de Dios. A súa obra atópase espallada por museos de todo o mundo, entre eles o do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. O creador, coñecido artísticamente como Quessada, era unha das figuras máis salientábeis das artes plásticas galegas do século XX. Xa perdera un fillo, tamén pintor, Xaime Quesada Blanco, que finou en xuño de 2006 aos 30 anos.Os restos de Quesada foron enterrados hoxe luns ás catro e media da tarde no cemiterio de Señorín, no Carballiño.
¡A túa obra rememorará a túa aportación a Galiza,... ata sempre Quessada!

sábado, diciembre 29, 2007

FRUTAS DE CORES

A nosa máis xoven pintora, Yaiza, comezou nos obradoiros infantís coñecendo as cores, as formas, os materiais..., sempre dende unha esfera de cambio e de experimentación que non deixase tempo ao aburrimento. Os rapaces son de probar, xa que unha actividade moi elaborada déixaos perder o interese pola finalidade que se consigue: a pintura en sí. Neste caso, Yaiza elabora xa, entre os adultos, as súas primeiras creacións, onde a paciencia (que non ten moita) e o exercicio do ollo (que olvida por momentos), son avisos constantes nas clases. Seguramente que co resultado desta última pintura a intención da seguinte obra plantéxase doutro modo.

viernes, diciembre 28, 2007

SOMBREIROS SEN CHAPEU

Os nosos amigos de Tanxarina presentan un novo espectáculo de sombras chinesas que non vos podedes perder. “Sombreiros sen Chapeu” é un espectáculo onde a silueta negra é a protagonista, a luz é o espazo escénico e a música a narradora das accións. Non hai palabras, sustituidas nesta ocasión por unha sutil manipulación dos personaxes que a través de oito pequenos relatos contan historias para o divertimento e contemplación do ollo do espectador.
Veremos a “Charlot” convertido en improvisado patinador “grazas” as trasnadas do seu inseparable can; tamén un mago chinés coa sua troupe de coellos, excelentes equilibristas; un camiñante que atopa unha sorprendente pedra , un concerto con final calamitoso…e moitos máis personaxes.
Un espectáculo onde os titiriteiros de TANXARINA transformados en sombreiros sen chapeu presentan unha montaxe en branco e negro chea de novas ideas elaboradas en sombras chinesas e desenvoltas no seu taller de construción, manipulación e ensaios.

sábado, diciembre 22, 2007

ISABEL GUERRA: A MONXA PINTORA

“Yo era una niña rebelde que rechazaba a los maestros. Quería hacerme mi propia escuela. Y no estoy arrepentida”
Isabel Guerra é a monxa pintora que, dende a súa clausura no mosteiro cisterciense de Santa Lucía, Zaragoza, chega cada dous ou tres anos a Madrid para expoñer os seus cadros: cheo asegurado, venda total. As súas vocacións son paralelas dende a adolescencia: foi unha nena rebelde que quixo pintar e amar a Deus, autodidacta. Non creades que a vida monástica apartouna das preocupacións terrenas: convencida de que este mundo non pode gustarlle a ninguén, a súa obra contén unha mensaxe de esperanza: a beleza é posible, non todo está perdido.

A TORRE, O VENTO, LOLA E MÁIS EU

Recentemente fun de visita pola cidade da Coruña. Duas exposicións nesa cidade: a de Picasso e a de Man Ray, facían preciso achegarse por alí. Non poidemos resistir o paseo polas inmediacións da Torre de Hércules, e ainda que coincidira un día do máis desapacible, disfrutamos moito coas vistas e coa contemplación dese monumento histórico romano que esperemos sexa nombrado próximamente Patrimonio da Humanidade. Sen dúbida a que disfrutou máis foi Lola que non deixou de subir e baixar rampas e de andar levada polo forte vento que facía (unha proba é o meu peinado). Ainda tedes tempo de visitar esas mostras, vale a pena. Un saúdo.

BO NADAL ARTISTAS¡

Maxia do Nadal
¡qué ven Nóel!
un home vello
con un tonel.
Un pucho trae
máis branca barba
que lle conxunta
con un bó traxe.
O vello é forte
coma un carballo
tira do carro
coma un cabalo.
¡A durmir, nenos!
que nos escapa
se non durmides
non deixa nada.

viernes, diciembre 21, 2007

O MUSEO DO MAR

Cinco anos logo da súa inauguración, o Museo do Mar de Galicia volve ter unha nova oportunidade para converterse nunha institución de referencia para a cultura marítima galega. O próximo 21 de decembro, o museo vigués abrirá definitivamente as súas portas cunha exposición permanente para os visitantes.
O camiño ata esta nova etapa foi longo e tortuoso, xa que hai que remontarse ao ano 1992 para situar o inicio da historia do museo. Foi entón cando os arquitectos Aldo Rossi e César Portela recibiron o encargo da Consellería de Cultura.
As obras comezaron ao ano seguinte na parroquia viguesa de Alcabre, no mesmo emprazamento que ata uns anos antes ocupara o matadoiro municipal. A aparición dun castro obrigou a paralizar as obras mentres os arqueólogos facían o seu traballo.
A morte do arquitecto Aldo Rossi e a quebra da empresa encargada de realizar as obras retardaron tanto o proceso que en 1999 era máis acertado seguir falando de proxecto que de realidade algunha.
Ese mesmo ano, a Consellería de Cultura traspasou a titularidade do futuro centro ao Consorcio da Zona Franca de Vigo, que asumiu o proxecto na súa integridade, sendo César Portela o arquitecto encargado de dirixir a obra.
No ano 2002 concluíron as obras e abríronse as portas para acoller unha exposición conmemorativa do tricentenario da Batalla de Rande. Foi o momento de gloria do museo, que sería visitado por miles de persoas durante varios meses.
Durante os tres seguintes anos, o Museo do Mar converteuse nunha gran sala de exposicións, centro de conferencias, e ata de desfiles de moda, pero nin rastro da exposición permanente ideada por unha comisión científica.
Aínda por riba de males, o edificio mostrou as súas deficientes condicións físicas como espazo museístico, polo que a comezos do 2006 foi pechado para realizar importantes obras estruturais. César Portela volveu facerse cargo do traballo para converter o edificio nun espazo museístico.
A finais do 2006, a Consellería de Cultura e o Consorcio da Zona Franca de Vigo asinaron un convenio polo cal a titularidade do museo volverá á Xunta, aínda que o ente estatal seguirá financiándoo ata o 2010. Desde entón, La Voz de Galicia desvelou que o edificio carecía de calquera tipo de licenza, algo que se está solucionando na actualidade.
A partir do próximo venres, o Museo do Mar de Galicia contará cunha nova oportunidade para converterse en algo con futuro.

sábado, diciembre 15, 2007

GUTIÉRREZ SOLANA NAS COLECCIÓNS MAPFRE

No edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra será exhibida a obra de Gutiérrez Solana nas coleccións MAPFRE do 25 de outubro ó 16 de decembro. Esta mostra estará complementada cun ciclo de conferencias relativo á figura do artista que se celebrará entre o 20 e o 23 de novembro.
José Gutiérrez Solana (Madrid, 1886-1945) é continuador dunha estética da España negra que a comezos do século XX tivo a Regoyos e a Zuloaga como os seus mellores representantes. A súa conecta coa tradición expresionista e anticlásica da pintura barroca española e, sobre todo, co Goya das Pinturas negras, de quen procede a súa paleta cromática de negros, ocres e pardos. Os asuntos relacionados coa morte, os ritos relixiosos, a resta dos touros, os bailes de pobo e as escenas de suburbio urbano constituíron o seu repertorio temático favorito.

MULLER CON GARABATA

Modigliani foi un artista cun grande atractivo polos seus retratos. Esos ollos misteriosos, esas facianas sempre recoñecibles e esa pintura abocetada e rápida que facía presaxiar unha personalidade atormentada e desordeada. A súa pintura sempre foi atractiva e de interese para min. Unha alumna como Ángela decidiu copiar unha das súas obras, un dos numerosos retratos de muller enfundada nun uniforme de home. Foi rápida a súa execución pero non por iso menos laboriosa, xa que a pincelada imprecisa sempre presenta máis dificultada, sobretodo cando se trata de copiar a un maestro como este artista italiano afincado en París. Os intereses da alumna van modificándose e xirando ao redor da historia da arte contemporánea que ten o seu inicio nesta primeira obra, xerme das avangardas.

A FLOR


Foi unha sorpresa a intención desta pintura, xa que Andrea, cun só lenzo feito no obradoiro pretendía iniciar unha representación non só difícil polas súas dimensións, senón tamén complexa polo seu motivo. O traballo foi intenso. Desenrolou como nunca o fundido dunha gama de tonalidades moi concreta de verdes e amarelos. E sobretodo aprendeu a dominar o pincel e a pincelada dunha forma limpa e plana que fai preciso o continuo retoque e corrección de erros. Ainda así, con paciencia e tesón logrou rematala fai uns días e será, sen dúbida, un excelente agasallo de nadal para a súa nai. Esperamos que lle guste.

A PRIMEIRA PAISAXE

Na primeira obra de Ángela no obradoiro de arte Ronsel, escolleuse un tema paisaxístico que se alonxa parcialmente da visión tradicional máis figurativa. Configurouse coma un exercicio onde a alumna tivera o seu primeiro contacto coas cores e a mancha, deixando de lado o motivo. Ainda que éste era de importancia para ela, acabou sendo algo secundario, dada a importancia da mestura dos únicos primarios na súa paleta, e de aplicación desta materia no lenzo. Sempre son difíciles os comezos pero o interés foi grande e ainda que o remate se fixo esperado, finalizou con éxito.

viernes, noviembre 30, 2007

XARRÓN CON FLORES

Foi a súa primeira pintura ao óleo, e ainda que o modelo elixido era do máis tradicional, tanto no tema como no estilo, a autora non dubidou. Quero dicir que de tódolos alumnos, e entre eles contemplo aos adultos, Andrea García Gondar exemplifica ao discípulo máis desexado e aventaxado do obradoiro. Presenta un interese e unha tranquilidade inusuais nos seus 14 anos, para os tempos que corren. Non despreza as indicacións e as asume con acerto. A súa paciencia e discorrer na tarefa da pintura deixa paso a esta primeira obra que non ten nada que ver coa dunha principiante. As tonalidades tostadas do fondo dan paso ás luces amarelas e rosas pálidas que teñen como transición ese marco verde de follas. Comeza eiquí un traballo coa cor e as fusións de luces e sombras que pronto terá superado na súa segunda obra, a punto de rematar. As miñas felicitacións Andrea, segue así.

viernes, noviembre 23, 2007

DESPREOCUPADO MÁIS NON INDIFERENTE

Con motivo do Festival PhotoGalicia, impulsado pola Fundación Caixa Galicia, preséntase agora unha ocasión única para coñecer de preto o traballo do artista estadounidense Man Ray, nunha mostra que nos achega ó seu frutífero legado, composto por fotografías, pinturas, filmes, colaxes, deseño publicitario, etc. Man Ray. Despreocupado máis non indiferente é o título desta fascinante exposición que chega á Sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña e que poderemos ver ata o 6 de xaneiro.

OURO VERMELLO

Entre un encargo e un experimento. Así afrontou Ardoiz, a nosa compañeira do obradoiro de arte, a realización deste lenzo de dimensións considerables. O concepto foi xurdindo na realización, improvisando formas e tonalidades, dentro dunha cor definida, o vermello. Máis luminoso ou máis escuro, mantivo o cromatismo engadindo amarelos e maxentas. E como protagonista o ouro, un ouro compactado en follas que precisaban a aplicación dun fixativo para a súa unión á pintura. Un elemento diferente que aporta ó lenzo a máis brilante das orixinalidades.

S/T


Ainda que xa pasaron días e que os meus parabéns xa llos din en persoa, quería mostrar a obra dun amigo e compañeiro artista que foi galardoado coa mención de honra no certame galego de creadores novos GZCREA 2007, a nivel galego: Pablo Rodríguez Barreiro. Na mostra dos premiados o pasado día 8 de novembro encontrei caras coñecidas e percorrín os quefaceres dos nosos creadores máis xóvenes. Entre as obras houbo moitas interesantes, tanto de instalación, escultura e pintura, moitas que me levaría para casa. Quedeime cos nomes e entre pinchos e viño, pasamos unhas horas estupendas. Mágoa que tiveramos que volver a Ourense a durmir. Felicidades Pablo, seguirémoste a pista...

lunes, noviembre 19, 2007

CAPACITARTE

A Obra Social de Caja España convoca o Premio CapacitARTE, dirixido a xóvenes artistas galegos, para a creación de esculturas que teñan como lema ou expresión o de "Las personas con discapacidad".
O obxectivo desta convocatoria é favorecer a reflexión na sociedade sobre o mundo da discapacidade; unha reflexión que inicia o seu camiño da man da escultura urbana e de rúa, para xerar conciencia social sobre a realidade das persoas con discapacidade.
Desta maneira, CapacitARTE ten o propósito de procurar unha percepción da discapacidade desde o punto de vista da arte escultórica que propicie e conciencie aos cidadáns para continuar aportando solucións.

CASIÑAS DE COR

Esta paisaxe, ainda que xa comezou fóra do obradoiro rematouse nel para modificar e resaltar esas cores e formas, cunha estructura sinxela. A progresión de planos paisaxísticos ven dada polas diferenzas de cor que contrastan cos azuis e blancos dun ceo case cuberto. Sara Besada Torres sigue cunha paleta cromática moi similar as súas anteriores obras e que traballa máis polo miudo no aspecto da pincelada das árbores e a espátula dos campos.

sábado, octubre 27, 2007

PREMIADOS NO II CERTAME XUVENIL DE PINTURA

O pasado sábado 27 de outubro, tivo lugar o II CERTAME XUVENIL DE PINTURA AO AIRE LIBRE, para rapaces de entre 4 e 18 anos. A participación foi semellante á do ano pasado, cun total de 11 participantes. Todos eles, ás 10 da mañá, selaron os soportes sobre os que ían pintar ao longo do día, no centro de ensino RONSEL. As 17 horas desa mesma tarde, foron achegándose por dito centro para entrega-las obras realizadas. Houbo moita variedade, ainda que predominaron os debuxos sobre papel, con diversas técnicas, como o collage, as ceras duras, as ceras brandas e ata os lápices acuarelables. No caso das pinturas feitas sobre lenzo, a súa totalidade foron levadas a cabo con pintura acrílica, de rápido secado, e moi apropiada para a pintura rápida, que era eso no que consistía o certame.
Os rapaces elixiron libremente as praias, o tema escollido para este ano. A máis visitada foi a praia de Portonovo, logo a de Paxariñas, Canelas, Caneliñas e Pragueira. Algúns dos participantes pintaron a praia en toda a súa totalidade, e outros escolleron motivos máis concretos como as rochas, a auga, a area…, que por certo, houbo quen a trouxo pegada á obra como un elemento máis da pintura.
Despois de recibir tódalas obras, produciuse a deliberación do xurado, entre os que se encontraba un representante da Asociación Xuvenil Saraiba do Mar, promotora do certame; un representante do Concello de Sanxenxo, outro de Ronsel e unha mestra de Educación infantil.
Dúas horas máis tarde, estaban xa os participantes inquedos por coñecer os gañadores, e non perdendo vista de tódalas obras expostas. Os premios consistían en lotes de material de debuxo e pintura, tres por categoría, dependendo das idades. Houbo dous premios desertos: o segundo e o terceiro da categoría de 14 a 18 anos, polo que a organización decidiu repartirlos entre os restantes rapaces que quedaron sen premio, para que todos se foran cun sorriso para casa. Os premiados foron os seguintes:
1º Categoría de 4 a 8 anos:
1º premio: SARA GARCÍA NÚÑEZ 2º premio: IRIA DOMÍNGUEZ FERNÁNDEZ-GES 3º premio: ROCÍO MATILLA NÚÑEZ 2º Categoría de 9 a 13 anos:
1º premio: YAIZA AGUÍN GARCÍA 2º premio: CARMEN MÉNDEZ MUÑIZ3º premio: MARÍA GAGO MUÑIZ3º Categoría de 14 a 18 anos:
1º premio: ANDREA GARCÍA GONDAR

viernes, octubre 26, 2007

UN RESPIRO. UN MANDALA


Para relaxarse e aumentar a concentración pódense facer moitas cousas. Unha delas é, en silencio ou con unha música de fondo suave, pintar un mandala. Mandala significa círculo ou centro. Arredor dun punto central definido e estático sucédense formas e mostras.
Os mandalas son un método de curación para a alma, son a fusión do corpo, o espíritu e a alma. Axúdante a descubrir a túa propia creatividade. Vencerá a rutina e o estrés máis doadamente. Todo é probar, preme aquí.

IMAN MALEKI

Onte, Moly chamoume para informarme da existencia dunha páxina en internet, dun pintor descoñecido por nós cunha obra interesante: Iman Maleki. Este artista, nado en 1976 en Teherán, fascinado polo mundo da pintura dende moi neno, comezou recibindo clases dunha pintora de obra realista, tamén iraniana: Morteza Katouzian. Dende o ano 2000 adícase a dar clases de pintura dende os valores máis tradicionais e clásicos, como ben se pode apreciar na súa obra. Se miramos detenidamente á páxina web de Maleki, aparte de aprecia-la súa traxectoria profesional, podemos recorre-lo seu repertorio artístico con obras sorprendentes, onde os temas deixan paso ao protagonismo da pincelada e da confusión realista que aporta nas representacións.

sábado, octubre 20, 2007

PURO ARTE 2007

A Feira de Arte Internacional PURO ARTE 2007 celebra a súa segunda edición este mes de outubro, tra-lo éxito de PURO ARTE 2006.
Un total de 51 galerías de Alemania, España, Francia, Israel, Italia e Portugal cítanse de novo en Vigo tra-lo éxito alcanzado na anterior convocatoria. Tal vez non toda a obra exposta sexa “puro arte”, pero ¿acaso en ARCO o é? Xa é hora de olvidarnos do gusto duns poucos e atrevernos a elixir por nós mesmos, non como inversión segura, senon como aposta persoal co deleite individual como meta. Pois si algo permite a situación caótica da arte actual é a libre elección. É o gusto persoal o que avala aos grandes coleccionistas de obra do século XX, atrevidos inversores que elixiron artistas pouco coñecidos. ¡Que atopen o que buscan!. Recinto ferial de Vigo IFEVI, do 18 ao 21 de outubro.

miércoles, octubre 17, 2007

PICASSO. LABORATORIO DE ESTILOS

A Fundación Pedro Barrié de la Maza distribúe nas súas sedes de Vigo e de A Coruña esta proposta para ofrecer unha "excepcional mirada ao ámbito máis persoal e íntimo" do artista. Así, na sede de Vigo exhibiranse dende este mércores, 17 de outubro, 32 traballos sobre naturezas mortas; mentres que en A Coruña, dende o día seguinte, o xoves, poderán contemplarse un total de 57 retratos femininos. Ambas as dúas mostras poderán visitarse ata o 3 de febreiro de 2008.
Esta destacada selección de pinturas e debuxos, procedente de colección privada e en boa parte inédita, preséntase en dúas exposicións "exclusivas" e arroupadas por actividades complementarias --talleres didácticos para escolares e familias, conferencias e publicación de catálogo-- que culminan a programación especial organizada pola Fundación Barrié con motivo de os seus 40 aniversario.
No apartado de conferencias, o 30 de outubro está programada para Vigo a conferencia 'Os retratos femininos na obra de Picasso', a cargo de Brigitte Leal, conservadora xefe do Museo Nacional de Arte Moderna do Centro G. Pompidou de París. A experta tamén ofrecerá os seus coñecementos ao día seguinte en A Coruña. "Picasso. Laboratorio de estilos", é o título da conferencia de pronunciará María Teresa Ocaña, asesora científica das exposicións, o 27 de novembro en A Coruña e ao día seguinte en Vigo. Por último, 'Del obxecto á arte: Picasso e a tradición do bodegón' será o tema central da intervención de Elizabeth Cowling, catedrática de Arte Europea do S. XX na Universidade de Edimburgo. Esta experta pechará o 12 e o 13 de decembro en Vigo e A Coruña, respectivamente, o ciclo de conferencias organizado en torno ás exposicións de Picasso.

jueves, octubre 04, 2007

II CERTAME XUVENIL DE PINTURA AO AIRE LIBRE: PRAIAS DE SANXENXO

A Asociación Xuvenil SARAIBA DO MAR de Portonovo (concello de Sanxenxo), organiza este concurso coa intención de estimular con premios o cultivo das artes plásticas, concretamente a pintura. O Concello de Sanxenxo e Ronsel colaboran participando na organización do evento.
Neste segundo certame, os concursantes deberán levar adiante a representación dun motivo em particular: unha praia pertencente ao concello de Sanxenxo. As obras deberán realizarse obrigatoriamente no lugar onde se encontre a praia elixida para representar.
Cada participante será libre de escoller o seu emprazamento e a técnica ou procedemento pictórico, con unha total liberdade de materiais, formatos ou tendencias.
A data do certame será o día 27 de outubro. No caso de que as condicións metereolóxicas sexan adversas, posporase á seguinte semana.
Poderán participar neste certame tódolos xóvenes menores de 18 anos que o desexen e que pertenzan ó concello de Sanxenxo.
A inscripción é gratuita e poderá facerse:
►Por correo electrónico: saraibadomar@terra.com
►Por teléfono: 646 941 565
►Na dirección: estrada Adina, 25-baixo, Portonovo-Sanxenxo
De calquera maneira terá que formalizarse antes do día 20 de outubro.
Os premios repartiranse en tres categorías: de 4 a 8 anos, de 9 a 13 anos e de 14 a 18 anos. Os agasallos serán 9 lotes de material de debuxo e pintura, repartidos nas tres categorías.

sábado, septiembre 29, 2007

PRESENTACIÓN LITERARIA

Onte día 27 de Setembro, presentouse na galería Sargadelos de Lugo, o Diccionario Internacional de Arte e Literatura contempóranea 2007. O diccionario está dirixido polo artista e escritor Francisco Arroyo Ceballos, coordinado por José Manuel Nogueira Nogueira e editado por Aires de Córdoba.
A presentación correu a cargo do coordinador da publicación "marido da artista coruñesa María Xesús Díaz" José Manuel Nogueira, o artista do esmalte Miguel Caamaño, o pintor e escultor Miguel Torre e o escultor e director do museo da pedra de O Incio, Alvaro Pereiro. Asistiron ao acto distintos personaxes do mundo artístico e cultural.
Díxose que o diccionario veu a luz cun fin integrador, co obxectivo de unir culturas e procurando un apoio mutuo entre creadores. Pretendendo tamén ser un lazo de unión entre pobos, unha clara reseña cultural do momento en que vivimos. Na publicación aparece un grupo de creadores de diferentes nacionalidades e disciplinas: pintores, escultores, escritores etc.
O diccionario estase entregando gratuitamente en distintos centros de arte e museos de España e Sudamérica, co principal obxectivo de promocionar a arte e aos artistas.

NENIÑA DE COR

Sendo unha das alumnas máis antigas dende o comezo do obradoiro de arte en Ronsel, Moly estivo sempre moi indecisa á hora de representar un retrato. Era case un medo por non ser capaz de identificar a faciana, a sicoloxía do personaxe que sempre é tan importante na figuración do retrato. E realmente comezou polo máis difícil, unha neniña de cor, coas súas luces e os seus contrastes, con ese pelo tan encrespado e revolucionado, con eses beizos e eses ollos penetrantes. Sen dúbida, unha das mellores obras da alumna. Felicidades de novo e ata pronto!, seguimos esperando verte por eiquí.

VIDRIERA DA PAISAXE

As inclinacións que Teri ten ás cores máis vivas está outra vez patente nesta paisaxe do máis colorista. Foi unha práctica moi boa para que do maxenta, azul e amarelo poidera sair este abano cromático, moi semellante ás obras de Klee, ou relacionado co movemento fauvista onde a pintura saía directamente dos tubos de cor industrial, deixando de lado a elaboración na paleta. Impera a cor, sobre a temática, cun protagonismo elevado dos contrastes de amarelos, laranxas, verdes e azuis. Nada está deixado á improvisación xa que a pincelada de Teri é totalmente controlada, ainda que pareza que o trazo foi colocado sin pensar.

NA OUTRA BEIRA

Ainda que o traballo que estemos a facer dea uns resultados do máis positivo, é preciso encamiñar a actividade hacia outras áreas descoñecidas ou nunca antes postas en práctica. Iso pensou Ardoiz que entre un amor e oido á pintura non figurativa, decidiu probar esa posible facilidade que pode ter o de improvisar sobre a marcha. O comezo foi a partir dunha fotografía real que inspiraba todo menos o que realmente se ve. Por iso, que cada un identifique esta pintura de branco-vermello como a súa intuición llo permita.

jueves, septiembre 20, 2007

EL PASO. POÉTICA E INFORMALISMO

Esta exposición reúne algunhas das obras máis significativas de Millares, Saura, Viola, Canogar y Martín Chirino, entre outros compoñentes do grupo El Paso. A mostra supón unha oportunidade para mirar un episodio único que marcou unha gran influencia nas xeracións posteriores, que souberon beber das fontes destos revolucionarios da arte do século pasado. Máis que dun movemento artístico trátase de toda unha revolución cultural. Os membros do grupo El Paso foron capaces de rematar co academicismo imperante na arte e incluso introduciron novas técnicas inexistentes na España de aqueles anos. Influenciados polo expresionismo abstracto que fora capaz de romper os moldes existentes, aplicaron o dripping ás súas obras, usaron soportes como as arpilleiras ou teas metálicas, emplearon area, pegaron obxectos ao lenzo e incluso o rasgaron, ademáis de utilizar o característico volume de pasta. Desta forma crearon un novo concepto del espazo pictórico. Ata o vindeiro 14 de outubro, na sala de exposiciones do Centro Cultural Caixanova de Pontevedra.

lunes, septiembre 03, 2007

ENTRE PORTONOVO E OURENSE

O Centro Técnico San Martín nace para alcanzar a solución ao problema de conservación do patrimonio galego e en especial o da provincia de Ourense, debido ao seu alarmante estado de degradación.
O Centro ten como obxectivo principal a correcta e minuciosa restauración do patrimonio e asegurar a calidade e rigurosidade das intervencións, contando cun equipo multidisciplinar, coordinado, que desenrola un incansable traballo de recuperación, conservación e formación, seguindo unha estricta metodoloxía de analise, identificación, coñecemento da obra, conservación, conservación preventiva e restauración científico-técnica.

OS PINCEIS... VENRES E SÁBADO

Hoxe comeza un novo curso. Os alumnos de ensino poden xa adiantarse ás clases que iniciarán a próxima semana nos colexios de Educación Primaria (os da E.S.O. e Bacharelato darán comezo en outubro). Tamén os nenos e adultos que queiran voltar ás clases de arte, poderán facelo. Os obradoiros centraranse nos venres de 17:30 a 21:00 horas, e nos sábados de 10:00 a 13:30 horas. Non hai excusa, os pinceis están cargados e os lenzos esperan por todos vós.

viernes, agosto 24, 2007

COMEZA BEN O CURSO

Un novo curso está a punto de comezar. Os preparativos escolares son unha pesada carga económica que pode afectar a moitas familias.
Dende o centro de ensino RONSEL, queremos facilitar a tódolos pais esta volta ao cole. Se eres estudante de calquera dos niveis de EDUCACIÓN PRIMARIA, tes a posibilidade de recibir CLASES PARTICULARES GRATUITAS durante todo o mes de SETEMBRO. Só tes que contactar con nós ANTES do 31 de AGOSTO, e poderás disfrutar desta axuda para tódolos cursos e materias.
Cada semana os alumnos interesados poderán asistir a unha clase de duas horas, da materia elixida. Impartidas por mestres titulados, as clases serán de grupos reducidos. A oferta estará vixente ata cubri-los grupos dispoñibles.
RONSEL dispón tamén de CLASES PARTICULARES de E.S.O. e Bacharelato, así como OBRADOIROS DE ARTE, con actividades de debuxo, pintura, collage, modelado e manualidades para os máis pequenos.
Así que, non o penses máis, e...
comeza ben o curso.

A ALDEA

No obradoiro de Arte infantil, seguen a realizar obras de grandes artistas, neste caso galegos. Castelao foi o elixido por Yaiza Aguín, que puido representar paisaxes tan característicos deste polifacético artista e escritor galego que tanta obra nos deixou. Cada vez imos acadando máis destreza, e ainda que a técnica do óleo está por ensinar, cos acrílicos estamos xa a ter un manexo canda menos dominado. O que falta é un pouco de paciencia, ainda que obra a obra vai aparecendo: as prisas nunca foron boas.

martes, agosto 21, 2007

RINCÓNS DE SANXENXO

O venres pasado organizouse o II Concurso de Pintura ao Aire Libre "Rincóns de Sanxenxo". Unhas alumnas de Ronsel e máis eu decidimos presentarnos e as dez da mañá xa estábamos plantadas na praza de Bordóns, cuns ricóns elixidos e dispostas a pintar un lenzo ao óleo. Pola tarde, xa rematadas as pinturas presentámonos na praza do Concello, onde o resto dos artistas e mais nós mostramos o traballo realizado durante toda a xornada. O Centro Cultural e Deportivo de Sanxenxo, organizador do evento procedeu a entregar os premios aos galardonados. Máis información preme aquí.

martes, agosto 14, 2007

O NENO XESÚS DA VIRXE DO CARME

Fai unha semana, o Neno Xesús da Virxe do Carme, sufriu un incidente na procesión da subida das imaxes á Igrexa de Sta. Mª de Adina. Á gravedade do caso uniuse a proximidade das festas de Portonovo, onde a Virxe do Carme ten un día adicado a súa festividade. Al alteracións producidas pola caída foron o suficientemente visibles como para necesitar dunha intervención de restauración. Por un lado a perda de capa pictórica deixaba ao descuberto a imprimación, e o que foi máis grave: a separación da peza da nuca, que o escultor fai a propósito para a introducción dos ollos da imaxe. Unido a isto, houbo que facer unha limpeza de restos de suciedade incrustada na capa pictórica, así como unha eliminación de repintes anteriores que falseaban a imaxe e que estaban centrados na súa maioría na faciana.

O resultado é bastante salientable, debido ao estado no que chegou. Hoxe mismo sae do obradoiro para lucir ao lado da Virxe do Carme na procesión do día 17 de agosto en Portonovo.

miércoles, agosto 08, 2007

CAFETERÍA SAUDADES

Dende hoxe ata finais deste mes de agosto, parte das miñas obras encóntranse expostas nesta cafetería situada en pleno Paseo de Silgar. Moitos recoñecerán parte dos lenzos, unha colección feita de pequenas postais de lugares visitados. Destacar tamén dous lenzos de esceas de baile, onde o retrato destaca por sí mesmo. In situ comprobaredes o realismo da representación cun intento de recoñecer ata o extremo a realidade representada.

martes, julio 31, 2007

PINTURA GALEGA DO XIX E XX

A Sala de Exposicións de Nauta Sanxenxo, ubicada no Porto Deportivo Juan Carlos I, acollerá unha mostra de relevantes pintores dos séculos XIX e XX. A partir de mañán, día 1 de agosto, poderemos ver unha mostra de óleos dos máis importantes artistas galegos como Sotomayor, Avendaño, Colmeiro, Laxeiro, Souto, Seoane, Maside, Antonio Fernández, Frau, Eugenio Granell, Manuel Torres, Castillo, Solla e Grandio, entre outros. Ademáis, veciños e visitantes do municipio poderán contemplar tamén obras de integrantes da Escola de París como Bores, Ismael de la Serna, Ginés Parra, Lago Rivera, Grau Sala e Viñes; así como de artistas pertencentes ao grupo El Paso entre os que destaca Canogar e Saura.
Esta iniciativa, organizada pola galería de arte Montenegro de Vigo permanecerá aberta ao público do 1 ao 5 de agosto en horario de 12 a 14 horas e de 18 a 23 horas.

martes, julio 24, 2007

CENTRO TÉCNICO SAN MARTÍN

A partir do 3 de setembro, a miña vida discorrerá paralela entre Ronsel e o novo Centro Técnico San Martín. Formando parte dun equipo de profesionais da restauración, levaremos a cabo como obxectivo principal a correcta e minuciosa restauración do patrimonio, asegurando a calidade e rigurosidade das intervencións, que desenrolará un incansable traballo de recuperación, conservación y formación. Ronsel manterá a súa andaita, tanto artística como de ensino particular, guiado coas mesmas directrices que ata o de agora.

viernes, julio 20, 2007

TRAS AS PEGADAS DE DELOS

O pasado xoves, día 19, ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, Ames, a Asociación galega de arte e cultura AGAEC, inaugurou, coa presenza do alcalde e concelleiro de cultura do citado concello, unha exposición colectiva itinerante, baixo o título "Tras as pegadas de Delos", na que poderá contemplarse pintura, escultura, gravado, cerámica, fotografía, debuxo e tapiz.
Perto de 40 obras realizadas por 15 membros de dita asociación: Teresa Añón, Beatriz Núñez, Esther Molinero, Carmen Sevillano, Fran Lareo, Javier Reiriz, Rosa Fernández, Paco Ramos, Sagrario Rilo, Pepa Mariño, Jesús Pereira, Isabel Andrés, Aurora Pombo, Cuca Pérez e Pepe Potel. E 15 artistas plásticos novos procedentes de: Bélxica, Inglaterra, Alemania, Finlandia, Romanía, Italia, Siria, Canadá, EEUU, Brasil, Arxentina e Cuba: Reina D´Hore, David Crooks, Maribel Dos Anxos, Carita Dubrovin, Denisa Curte, Antonio Calla, Alí Alí, Anyck Kerloc´H, Justin, Stock,María Chenut, Fabiana Corrêa, Cristina Pérez, Patricia Malvestiti, Daviz Plana e Orlando Yanes respectivamente. Tamén contará con representantes do eido da plástica de Madrid, Carlos Crespo e Vicente Ruiz, Salamanca, Cidade Real, Granada e Cádiz.
Os traballos que se expoñen foron elaborados polos distintos creadores con total liberdade formal e conceptual, aprotando cada un a súa particular visión do mundo, o seu persoal linguaxe expresivo.
A pluralidade de plantexamentos intelectuais e culturais que ún pode contemplar no incomparable marco do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ata o día 31 de xullo, constitúe, sen dúbida, un factor de enriquecemento individual e colectivo ao tempo que ofrece a posibilidade de abrir un espazo de diálogo e comunicación entre artistas e público, unha inmellorable oportunidade para mergullarnos na diversidade artística e cultural.
O día 1 de agosto trasladarase á Casa Mariñeira da Pobra do Caramiñal e continuará o seu percorrido por distintas salas municipais de Galicia. No mes de setembro poderá visitarse na Galería Sargadelos da Estrada, estando previsto que finalice esta itinerancia internacional en Oporto.