sábado, mayo 31, 2008

VOLVORETAS VERMELLAS

Sara Besada rematou esta fabulosa obra. Fabulosa non só polas súas dimensións senón pola dedicación e o traballo deixado na súa elaboración. Destacou dende o principio, ainda antes de ser abocetada, pero o resultado é moito máis que agradecido. No trascurso das clases as cores cálidas (vermellos, laranxas e rosas) ían impoñendose como protagonistas sobre as liñas e os motivos figurativos (tres volvoretas). Con todo, non foi ata as últimas clases onde a colocación dos detalles estableceu o significado total da pintura. Parabens Sara!

ESTAMPA ORIENTAL

Seguindo a traxectoria dos retratos étnicos, a nosa alumna Ardoiz volve escoller unha figura humana de representación moi achegada ao hiperrealismo. Nesta ocasión, a delicadeza e complexidade das ropaxes sustitúe en protagonismo ás carnacións, únicamente representadas por un rostro e nuca de perfil. A atención iconográfica está presente no gran lazo posterior ricamente decorado. Nas cores, o vermello é o gran protagonista entre o negro do cabelo e sobre o branco de fondo.

NOVO MIRÓ

Non é segredo ningún que o pintor vangardista Miró atrae ós nenos e nenas. En Ronsel é copiado constantemente. Son as súas cores industrias e as súas formas básicas moi preto do grafismo infantil, o que fai que os rapaces e rapazas sintan interese polas súas obras. Yaiza Aguín volve probar cunha pintura da súa etapa tardía, representando unha muller con flor. Non foi doado de entender pero cunha breve explicación localizouse a anatomía e o atributo que porta. Dentro da traxectoria da alumna é unha representación contemporánea entre as máis tradicionais.

domingo, mayo 04, 2008

O QUE BEN CHE QUER

Con motivo da celebración do día das letras galegas, este 17 de maio, a editorial pontevedresa Oqo, presenta unha publicación do escritor conmemorado: Xosé Mª Álvarez Blázquez. E como a data de hoxe é tan familiar, mencionamos un conxunto de poemas deste escritor, para a súa filla Colorín, presentados por Pepe Cáccamo e ilustrados pola súa irmá Berta Cáccamo. Esta, realiza unhas acuarelas con delicados trazos, unha figuración mínima e suaves cores, acompañando os versos e deixando nas nosas mans un produto delicado. Parte dos poemas pertencen ao libro Roseira do teu mencer e parte son inéditos. Entre eles gustaríanos compartir con vos aquel que lle dá título ao libro, e que ademais conta cunha das ilustracións máis interesantes.

O que ben che quer

eche o vilorico que anda polo ler.

Ise si que é boque viu dende lonxes aguillando o vóso

mentes por verte e que o viras ti,

para que os dous brincases; ti co teu oh, oh,

e el co seu chi, chi.

O viloricode longo bico

e longas patas de gabirú

que nin di cu - cu

nin anda con trolas de chicherico.

- Que non diga o moucho,

que no diga o cuco,

que non diga a poupa

que che queren muito...

O que ben che quer

está silandeiro enriba de un pé.

Sabes ti quen é?

Éche o vilorico que anda polo ler.

SOROLLA E OS SEUS CONTEMPORÁNEOS

A partir do 21 de abril a mostra “Sorolla e os seus contemporáneos” trasládase á Sede Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela, onde permanecerá ata o próximo 6 de xullo. Destacados pintores do ‘cambio de século’ danse cita nesta exposición, na que poderemos ver unha magnífica colección de pintura española do Museo de Belas Artes de La Habana. Ademáis, reúnense no edificio compostelano un conxunto de 60 obras de Sorolla, Zuloaga, Santiago Rusiñol, Anglada Camarasa ou Cubells, entre outros. O horario é de luns a venres: 12:00 h. a 14:00 h. e 18:00 h. a 21:00 h. Sábados, domingos e festivos: 12:00 h. a 21:00 h. Visitas guiadas.

sábado, abril 26, 2008

CLAUSURA DO CURSO DE MANDALAS

Hoxe tivo lugar a clausura do Curso de Mandalas organizado polo concello de Sanxenxo, por medio da Concellería de Xuventude. Os resultados foron moi satisfactorios e positivos, dende o lado da docencia de dos participantes. A creatividade e as experimentacións estiveron presentes por parte de alumnos, que aproveitaron o curso para desenrolar as diferentes técnicas pictóricas pouco tratadas ou descoñecidas. Esperamos que as expectativas foran cumpridas e poder atoparnos nunha próxima cita cos alumnos que hoxe nos deixan.

NENÚFAR

Unha nova adquisición, unha nova alumna. María comezou pouco convencida, esperando velo mesmo de sempre. Estamos a conseguir que a seguridade en sí mesma, á hora de pintar, vaia en aumento. Ainda nos queda, pero sabemos que esta primeira obra é un punto ao noso favor. Enseguida conseguirá expesar o que quere e non o que o pincel lle deixe. Este motivo inicial, ainda que moi sinxelo en composición, obriga ao alumno a practicar o matiz e a cor dende as mesturas iniciais. O fondo oscuro é sempre un tanto a favor para que resalte calquera representación sobreimpresa. Ánimo, e a seguir...

ROSA ROSAE

En amarelo e aderezada con óleo. A rosa de Luisa, a nosa alumna máis veterana, veu a luz despois dun longo percorrido, alternado polas vivencias máis inesquecibles que pode pasar un ser humano. Dende o obradoiro Ronsel mandámoslle unha forte aperta e animámola a seguir adiante con ese optimismo e esas gañas de vivir que lle trasmite día a día aos seus netos. Pinta para eles e para ela. Unha mostra palpable é esta flor chea de cor e vitalidade. Un bico.

sábado, abril 19, 2008

DE INAUGURACIÓN

Onte pola noite tivemos unha cita importante con parte dos alumnos do obradoiro Ronsel, artistas vidos de outras partes de Galicia e comerciantes asociados a Entretendas, asociación organizadora do evento. Este ano, a encargada de conducir a inauguración foi Isabel Martínez, vicepresidenta de Entretendas e coñecida por todos no taller. Participando tamén con dúas obras na mostra, relatou as características desta terceira edición e deu datos sobre o número de obras e artistas, así como os estilos e tipoloxías artísticas. Esperamos que esta pequena aventura de introducir a arte no mundo máis cotiá das compras, serva para educar e promocionar as actividades dos nosos artistas máis noveis.

AMAZONÍA PRECOLOMBINA EN PONTEVEDRA

A sede da Fundación Caixa Galicia na boa vila acolle a mostra até o próximo 15 de xuño. A directora do Museo Barbier-Mueller de Barcelona, Anna Casas, e a subdirectora de programación da Fundación Caixa Galicia, Rosario Sarmiento, presentarán a exposición Amazonía Precolombina, que reúne 26 pezas de cerámica, terracota ou pedra, procedentes da Illa de Marajó e das rexións brasileiras de Karajá, Santarém e a Baixa Amazonía.
Trátase dunha selección dos fondos do Museo Barbier-Mueller de Xenebra, o conxunto de cerámicas precoloniais da baixa Amazonía máis importante do mundo. As pezas están datadas entre o século V e comezos do XVI, cando a colonización española e portuguesa invadiron as poboacións autóctonas. Os vestixios das civilizacións anteriores poden verse en vasillas, pinturas rupestres e pezas de cerámica.

A LÓXICA DO IRRACIONAL

A Fundación Pedro Barrié de la Maza inaugou o 27 de marzo a exposición 'Laxeiro, a lóxica do irracional' que se desenvolverá de xeito simultáneo nas sedes que a institución posúe en Vigo e A Coruña, onde se exporán un total de 47 obras, na súa maioría óleos de mediano e grande tamaño sobre distintas temáticas e estilos.
A mostra, que repartirá as súas obras entre as dúas cidades (21 en Vigo e 26 na Coruña) está comisariada por Luis María Caruncho, autor dun catálogo crítico sobre o pintor, publicado recentemente pola propia Fundación Barrié. Ambas as dúas iniciativas realízanse no ano do centenario do nacemento de pintor lalinense, quen desenvolveu grande parte da súa actividade en Vigo.
A entrada ás mostras será gratuíta e poderanse visitar ata o 1 de xuño en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas de martes a domingo, festivos incluídos.

domingo, abril 13, 2008

III EXPOSICIÓN DE PINTURA E ESCULTURA DE ENTRETENDAS

Por terceiro ano consecutivo, e debido ao éxito acadado en anos anteriores, organízase a exposición de obras pictóricas e escultóricas nos escaparates dos comercios asociados a Entretendas Centro Comercial Urbano, dende o 21de abril ao 4 de maio de 2008.
As obras expostas serán de artistas galegos, ainda que este ano, o espazo dos escaparates vai a estar compartido con obras de artistas noveis do concello de Sanxenxo, alguns dos cales mostran por primeira vez as súas obras ao público. Cada pintura ou escultura irá acompañada dunha cartela onde se mostre o nome do artista, as medidas e técnica da obra e un teléfono de contacto de aqueles artistas que poñan prezo á obra. Os participantes que só desexen mostrar as súas creacións deixarano claro na tarxeta informativa.
Tódolos participantes seleccionados serán convidados a inauguración da III Mostra de Pintura e Escultura UN PASEO ENTRE-ARTE 2008, que terá lugar no Pazo de Cultura Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo, o venres, día 18 de Abril de 2008 ás 21 horas. O motivo, aparte de inaugurar a mostra, será informar do evento ós medios de comunicación e coñecer de preto tanto aos artistas como aos comerciantes colaboradores na mostra.
Esta é unha oportunidade para achegar as últimas creacións dos nosos artistas e veciños á xente que disfrute das compras nos comercios asociados ao Centro Comercial Urbano do concello de Sanxenxo.
Esperámosvos a todos ¡¡¡

FLORES BRANCAS

Xa fai tempo que esta obra veu a luz. Foi a segunda do obradoiro Ronsel para Sara Besada. Ainda que non presentaba unha técnica e traxectoria afirmada, os comezos xa se ven e están sobrepasados nas obras posteriores. Penso que as flores son o seu porque ata o de agora a temática é moi similar, adquirindo un maior control da cor e a pincelada. A última obra está a piques de sair.

sábado, abril 12, 2008

CASCADA

Un dos primeiros lenzos que realizou Mónica López no noso obradoiro foi esta Cascada, que con motivo dunha exposición colectiva dos alumnos, vólvese a mostrar para rescatar os seus inicios. Ainda que ata o de agora foron as flores os motivos máis representados por esta pintora, está volvendo as paisaxes do principio, unha das cales, a de máis interese persoal para ela dende sempre, está a rematar. Pronto a daremos a coñecer.

MIRÓ E CELESTE

Dende o inicio de Ronsel como obradoiro de arte acompañounos Celeste Chan Gondar, unha alumna principiante que ten predilección polo artista onírico Miró. Poden ser as cores, ou as formas, ou a liña negra que recorre o lenzo. A atracción leva a que Celeste forme parte da iconografía do lenzo, estando presente no acrílico sobre lenzo. Ainda que esta pintura fai tempo que saíu do taller, mostramos os inicios desta nova pintora.