lunes, agosto 11, 2008

AS ILLAS DA MEMORIA

Non podo dicir que fose unha visita máis a unhas illas. Non era unha visita con interese turístico ou natural. Foi máis que iso, foi un contacto coa historia, coa nosa historia esquecida e descoñecida que comeza a saír do perímetro de dúas illas e do que alí pasou entre os muros das instalacións rehabilitadas. O paseo polos sendeiros percorrendo as marabillosas especies naturais, contrasta coa cruda realidade vivida 70 anos atrás, relatada de forma sinxela e perfectamente entendible polo ruta. Tras un estudo dos acontecementos vividos, tras unha relación persoal coas persoas que o sufriron, esta viaxe completou o círculo, poñendo imaxes ás palabras, citas e testimonios escoitados. Foi triste pero foi real, e quedará sempre como parte da miña experiencia vital.

REDEIRAS

Marina Canut Caneda remata este lenzo de temática mariñeira no obradoiro de arte. As súas influencias recurren aos primeiros pintores do estilo costumbrista galego: Colmeiro, Maside, Laxeiro, sempre dende unha técnica inicial realista. As cores intensas e contrastadas enfréntanse aos temas máis tradicionais da paisaxe laboral mariñeira. Tres mulleres de antaño e de agora, nunha práctica por momentos esquecida pero de gran valor etnográfico e cultural.

VISITA ÁS CÍES

Este verán por fin conseguimos visitar esas illas tan paradisíacas, coñecidas no mundo enteiro. Entre amigos e familia aproveitamos a estancia dunha amiga noruega para disfrutar deste parque natural tan extraordinario. Ainda que no desembarco, a desilusión da néboa foi o máis xeneralizado, non foi escusa para percorrer as catro rutas. O peor de todo foi que a máis difícil deixámola para o final, e a punto estiven en botarme atrás. Esperamos visitalas máis adiante, cando o tempo acompañe e poidamos descubrir os horizontes tan fermosos que atopamos agochados.

martes, agosto 05, 2008

A PINTAR CANGAS

A Asociación Cultural A CARÓN DO MAR e o CONCELLO DE CANGAS anuncian a convocatoria da V Edición do concurso de pintura rápida 'A PINTAR CANGAS', que terá lugar o domingo 24 de agosto do 2008 e invita a tódolos interesados en mostrar a súa propia concepción da arte a participar. Preme aquí para ve-las bases.

martes, julio 29, 2008

UNS DÍAS DE DESCANSO

Ainda que as vacacións non aparecerán por ningún recuncho, tomarémonos uns días de descanso e relax neste ecuador do verán. O destino ainda está por atopar, será por lugares en Galiza...

O ESPELLO COTIÁN

A mostra ‘O espello cotián. Colección Caixa Galicia’ volve exporse no país, dividíndose nesta ocasión entre as cidades de Pontevedra e Vigo. Así pois, a Sede Fundación Caixa Galicia de Pontevedra e o Centro Sociocultural FCG de Vigo acollen cadansúa parte complementaria da exposición cos títulos “O espello cotián I” e “O espello cotián II”. As dúas partes constitúen unha escolma de obras centradas na representación da figura humana, tematicamente relacionadas co retrato ou a propia identidade. Poderemos visitalas, en ambos os dous edificios, do 3 de xullo ao 12 de outubro.

jueves, julio 17, 2008

III CONCURSO DE PINTURA AO AIRE LIBRE

Un ano máis, o Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo organiza o concurso " Paisaxes de Sanxenxo", o próximo 2 de agosto.
Poderán participar tódolos artistas que o desexen, con inscrición gratuíta por medio dunha preinscrición por correo electrónico en ccdsanxenxo@terra.es, ou por teléfono ao 678202996.
A obra deberá realizarse forzosamente "in situ". Cada participante deberá escoller libremente o seu emprazamento para pintar a súa obra. As obras poderán realizarse con calquera técnica ou procedemento e con completa liberdade de tendencias ou estilos. O selado das teas ou soportes farase de 09:00 a 10:00 horas, o mesmo sábado día 2 de agosto, no local de Nauta o lado da Oficina de Turismo do Concello de Sanxenxo, no Porto Deportivo. Haberá un primeiro premio de 600 € e un segundo premio de 500 €.

30 BIENAL SEN FRONTEIRAS

A 30 Bienal de Pontevedra ofrece unha reflexión, confrontada coa hispana, sobre a realidade artística actual dos tres países centrais do Magreb (Argelia, Marruecos y Túnez), tan próximos físicamente pero, á vez, tan pouco ou mal conocidos. Continúa con un diálogo interterritorial, superador de visións localistas, que xa tivo lugar no ano 2006 con unha edición adicada á emigración e á relación entre Galicia e os países que integran o Cono Sur (Argentina, Chile e Uruguay).

Na Bienal participan 29 artistas (10 marroquíes, 7 españois, 6 arxelinos e 6 tunecinos), a metade mulleres. Está orgaizada pola Deputación de Pontevedra e tén como director a Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra; como comisario, ó marroquí Abdelkrim Ouazzani, pintor y director del Instituto de Bellas Artes de Tetuán (Marruecos); e como asesores para Arxelia, a Mohammed Djehiche, director del Museo de Arte Moderno y Contemporáneo de Argel, para Túnez, a Rachida Triki, presidenta da Asociación tunecina de profesores de Estética, e para España, a Xosé Manuel Lens, crítico de arte e comisario de exposicións.

A mostra desenvolveráse na sala de exposicións temporais do novo edificio do Museo de Pontevedra e no Pazo da Cultura do 17 de xullo ó 7 de setembro.

viernes, julio 11, 2008

NENOS NA PRAIA

Andrea García rematou un lenzo ao óleo que supuxo un grande esforzo pola súa parte. É a terceira obra feita en Ronsel e as mañas e as técnicas ainda están moi imprecisas para poder axustar o estilo deste pintura. Trátase dunha obra do xenial artista Joaquín Sorolla, un maestro da luminosidade e a cor da costa mediterránea do século XIX. Esta copia non foi sinxela xa que o tratamento da pintura neste cadro obriga a un coñecemento preciso da pincelada e da mestura da cor. Son uns inicios moi positivos, o resultado así o proba.

viernes, julio 04, 2008

GAIVOTA

Esta obra é o comezo dunha andaina por parte da nova alumna Elena Souto Rea. Ainda que a práctica da pintura xa era coñecida, o tempo fai que os coñecementos desaparezan e sexa preciso unhas clases de introducción. A temática foi moi sinxela pero á vez determinou a realización de diferentes técnicas de fundido e detalle precisas para enfrentar unha obra posterior. O resultado é interesante e positivo para encarar ás seguintes clases. Ánimo Elena !!!

ESPIDO EN MANCHAS

De carácter novidoso e pincelada espontánea, unha nova obra sae do obradoiro Ronsel. O que atrae ao espectador a primeira vista é o enfrontamento cromático de gamas quentes que rompen có versátil malva. Unha intensidade da cor que deixa paso a unhas formas abocetadas e impresionistas da linguaxe corporal. Con un fondo homenaxe ao neoclasicismo, os cortinaxes represéntanse moi alonxados dese estilo clásico, polas súas formas abruptas e cortantes. A súa autora, Ángela Martínez segue a insistir nos estilos menos resoltos que obrigan a unha elaboración máis coidada da pincelada e da colocación da cor. As avangardas seguen a estar presentes como estilo preferido.

sábado, mayo 31, 2008

A MESA POSTA

A nosa alumna Celeste Chan invítanos a comer nesta mesa con mantel tan colorista. Trátase dun bodegón, unha iconografía que non ten moitos adeptos pola súa relación coa sobriedade e o formalismo. Sen embargo esta é unha proba do atractivo do tema, onde cada peza é un fragmento do círculo cromático. Na pintura combínanse as cores frías e quentes acadando un equilibrio perfecto. A vitalidade e enerxía que desprende a obra fan dela unha representación atractiva para calquer espazo.

VOLVORETAS VERMELLAS

Sara Besada rematou esta fabulosa obra. Fabulosa non só polas súas dimensións senón pola dedicación e o traballo deixado na súa elaboración. Destacou dende o principio, ainda antes de ser abocetada, pero o resultado é moito máis que agradecido. No trascurso das clases as cores cálidas (vermellos, laranxas e rosas) ían impoñendose como protagonistas sobre as liñas e os motivos figurativos (tres volvoretas). Con todo, non foi ata as últimas clases onde a colocación dos detalles estableceu o significado total da pintura. Parabens Sara!

ESTAMPA ORIENTAL

Seguindo a traxectoria dos retratos étnicos, a nosa alumna Ardoiz volve escoller unha figura humana de representación moi achegada ao hiperrealismo. Nesta ocasión, a delicadeza e complexidade das ropaxes sustitúe en protagonismo ás carnacións, únicamente representadas por un rostro e nuca de perfil. A atención iconográfica está presente no gran lazo posterior ricamente decorado. Nas cores, o vermello é o gran protagonista entre o negro do cabelo e sobre o branco de fondo.

NOVO MIRÓ

Non é segredo ningún que o pintor vangardista Miró atrae ós nenos e nenas. En Ronsel é copiado constantemente. Son as súas cores industrias e as súas formas básicas moi preto do grafismo infantil, o que fai que os rapaces e rapazas sintan interese polas súas obras. Yaiza Aguín volve probar cunha pintura da súa etapa tardía, representando unha muller con flor. Non foi doado de entender pero cunha breve explicación localizouse a anatomía e o atributo que porta. Dentro da traxectoria da alumna é unha representación contemporánea entre as máis tradicionais.