O pasado xoves, día 19, ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, Ames, a Asociación galega de arte e cultura AGAEC, inaugurou, coa presenza do alcalde e concelleiro de cultura do citado concello, unha exposición colectiva itinerante, baixo o título "Tras as pegadas de Delos", na que poderá contemplarse pintura, escultura, gravado, cerámica, fotografía, debuxo e tapiz.
Perto de 40 obras realizadas por 15 membros de dita asociación: Teresa Añón, Beatriz Núñez, Esther Molinero, Carmen Sevillano, Fran Lareo, Javier Reiriz, Rosa Fernández, Paco Ramos, Sagrario Rilo, Pepa Mariño, Jesús Pereira, Isabel Andrés, Aurora Pombo, Cuca Pérez e Pepe Potel. E 15 artistas plásticos novos procedentes de: Bélxica, Inglaterra, Alemania, Finlandia, Romanía, Italia, Siria, Canadá, EEUU, Brasil, Arxentina e Cuba: Reina D´Hore, David Crooks, Maribel Dos Anxos, Carita Dubrovin, Denisa Curte, Antonio Calla, Alí Alí, Anyck Kerloc´H, Justin, Stock,María Chenut, Fabiana Corrêa, Cristina Pérez, Patricia Malvestiti, Daviz Plana e Orlando Yanes respectivamente. Tamén contará con representantes do eido da plástica de Madrid, Carlos Crespo e Vicente Ruiz, Salamanca, Cidade Real, Granada e Cádiz.
Os traballos que se expoñen foron elaborados polos distintos creadores con total liberdade formal e conceptual, aprotando cada un a súa particular visión do mundo, o seu persoal linguaxe expresivo.
A pluralidade de plantexamentos intelectuais e culturais que ún pode contemplar no incomparable marco do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ata o día 31 de xullo, constitúe, sen dúbida, un factor de enriquecemento individual e colectivo ao tempo que ofrece a posibilidade de abrir un espazo de diálogo e comunicación entre artistas e público, unha inmellorable oportunidade para mergullarnos na diversidade artística e cultural.
O día 1 de agosto trasladarase á Casa Mariñeira da Pobra do Caramiñal e continuará o seu percorrido por distintas salas municipais de Galicia. No mes de setembro poderá visitarse na Galería Sargadelos da Estrada, estando previsto que finalice esta itinerancia internacional en Oporto.