miércoles, noviembre 19, 2008

CARLOS SOBRINO (1885-1978)

Caixanova mostra na Sala de Exposicións do seu Centro Social de Pontevedra a exposición ‘Carlos Sobrino (1885-1978)’, un percorrido pola obra do pintor pontevedrés no que se insiren máis de setenta obras entre pinturas, debuxos, gravados e documentación orixinal da época.
Carlos Sobrino, como Castelao, pertence á xeración nacida na década dos oitenta do século XIX, que na arte galega é a de artistas como Xesús Corredoyra, Manuel Abelenda, Camilo Díaz Baliño ou Felipe Bello e na literatura corresponde á Xeración Nós, na que se inclúen nomes como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino L. Cuevillas... Rexionalismo e simbolismo explican en boa medida a obra inicial de Carlos Sobrino. Os primeiros traballos do pintor sitúanse entre o academicismo, os influxos simbolistas e a pegada do ambiente cultural xerado pola crise do 98. Outras influencias sobranceiras das que atopamos exemplos na produción de Sobrino son o modernismo e máis a estampa xaponesa, con obras que teñen de oriental a aérea delicadeza e semellan xurdir dunha intención que prima máis a emoción que a descrición.
O pintor incorpora tamén aos seu traballos a tradición gráfica das artes decorativas e o vocabulario ornamental modernista, tan común na arte europea desta altura. En xeral, estes referentes formais están ao servizo dunha temática de rexionalismo costumista e idealizado. Así mesmo, percíbese nel a impronta do espírito sofisticado e elegante da art déco, que se abre camiño entre nós nun momento –anos vinte- no que o rexionalismo está de moda en toda Europa. A este ambiente e influxos responden abondosas obras con finalidade publicitaria, carteis, anuncios, capas de libros...
Pero sobre todo salientan na súa obra os temas costumistas e folclorizantes galegos, nos que combina con grande estilización, elementos modernizadores no uso da cor e na planimetría e un evidente decorativismo. Esta vontade por salientar o elemento popular galego é parte dun interese xeneralizado da cultura galega de procura das raíces, non alleo en absoluto ao que acontece noutros espazos nacionais europeos, pero que en Sobrino acaba por ser o seu medio fundamental de expresión.

O CIRCO DE ABU GHRAIB

O artista colombiano Fernando Botero estará mañá en Vigo para presentar a exposición súa que ata febreiro se poderá visitar na Casa dás Artes. Trátase da mostra «Abu Ghraib- O Circo» unha produción realizada en colaboración co Instituto Valenciano de Arte Moderno e que presenta as dúas series máis influentes do traballo recente do artista e que se poderá visitar na Casa dás Artes ata o próximo 1 de febreiro.
O pintor colombiano Fernando Botero reuniu de novo aos seus tradicionais «gordos» para denunciar a «violencia oficial» que o Exército estadounidense empregou contra os iraquís no cárcere de Abu Ghraib e, como contraposición e cara da mesma moeda, metelos no circo e a súa orxía vital de cores.
Segundo comentou ou o artista na presentación desta exposición en Valencia, el coñeceu o terror do cárcere de Abu Ghraib ao ler un artigo mentres viaxaba en avión. A «ira» e o «desasosego» que sufriu fixéronlle comezar, cos seus primeiros bosquexos, a «facer visible o invisible» e durante catorce meses creou o medio centenar de obras que agora poden verse en Valencia tras o seu paso por EEUU, Italia, Alemaña e México.

sábado, noviembre 15, 2008

ABELLA

O que máis sorprende desta obra é a calidade das texturas, a trasparencia dos tonos e o protagonismo do claroscuro que fan da representación unha imaxe que non pasa desapercibida. Usando os tons das abellas, Mª José Ardoiz, conseguiu cunha gama de cores amarelas fusionar a flor coa protagonista: a abella. O branco e o negro serven de encaixe para as luces e as sombras, perfectamente delimitadas e que ofrecen á pintura un carácter do máis realista. Moitas felicidades por este avance, un paso máis hacia unha técnica perfeccionada e dominada.

VIOLETA

O Concello de Sanxenxo a través do O.A. TERRA de Sanxenxo, xa comezou a "IV Convivencia Artística TERRA DE SANXENXO", dende o día 16 ata o 28 de Novembro. Os estudantes participantes son de segundo e tercer ciclo das Facultades de Belas Artes españolas e portuguesas.

Nesta sexta edición o VIOLETA será a cor protagonista. O O.A. TERRA de Sanxenxo editará un catálogo que recolla o traballo dos participantes e organizará unha exposición, reservándose a elección dunha obra de cada un dos mesmos, que será donada e pasará a formar parte do patrimonio do Concello de Sanxenxo.

ENTRE FLORES

Seguindo a serie de motivos florais, a alumna Maribel Gondar, está a realizar un conxunto de pequenos tablex pintados ao óleo. As cores son as protagonistas, con fondos de tonalidades azuis, malvas e violetas que contrastan con branco e verde das representacións vexetais. Ainda que queda moito por avanzar, esta temática é un medio para conseguir a dominio da mestura dos pigmentos e do control da pincelada. Esperamos a seguinte representación xa comezada.