viernes, marzo 07, 2008

PAISAXE AMARELA

Xa foron tempos de presentar esta obra de Asunción López, que se facía esperar, pero..... xa está aquí. Preséntase como un exercicio na aplicación da gama de amarelos, ocres e laranxas que fan da composición un aspecto secundario. De liñas básicas e máis preto do debuxo, as formas da paisaxe de fondo contrastan coa mancha da espátula que mostra o primeiro plano dun agro de verán.

viernes, febrero 29, 2008

ULIR E TOCAR I

Se non fose porque se trata dunha pintura ao óleo aplicada nun lenzo sobre bastidor, podería describirse como unha fotografía. Esta representación hiperrealista, minuciosa ata o traballo máis paciente, é obra de Teresa Iglesias. Esta alumna vaise facendo un oco e un respeto pola súa actitude ante retos cada vez maiores, así como por esas aptitudes que ainda que as tivo desde un inicio, estalas a perfeccionar día a día. Sabemos que dúas horas é pouco para ela, pero o interese e a perseverancia fan moito. Moi bo traballo Teri ..., a seguinte aventura será un novo reto.

miércoles, febrero 27, 2008

III MOSTRA UN PASEO ENTRE.ARTE

Un ano máis, os escaparates dos comercios asociados a Entretendas Centro Comercial Urbano de Sanxenxo, terán un recuncho para a exposición de obras de arte. A mostra, que por terceiro ano consecutivo segue escollendo pinturas e esculturas de artistas galegos, levarase a cabo entre o 21de abril e o 4 de maio de 2008. Tódalas obras serán orixinais, sen discriminación de orixe e idade no caso do artista, nin de técnica no caso das obras plásticas (escultura e pintura). De maneira anticipada, os artistas deberán enviar por correo electrónico á dirección: entretendas@entretendas.com , as fotografías das obras que se queiran expoñer, acompañadas dos datos das mesmas (autor, título, técnica, medidas, ...), e dun pequeno currículum d@ artista. No caso de que o artista desexe que na cartela que acompaña á obra apareza o prezo debe constalo no correo electrónico, engadindo este dato en cada obra.
Esperamos que este ano a obra sexa do máis variada e completa para disfrute dos nosos paseantes e... clientes.

martes, febrero 26, 2008

CONSTANTE DILEMA

Sabemos que o Patrimonio debe ser conservado e mantido no tempo para que as xeracións futuras poidan contemplalo e estudalo en toda a súa integridade pero, a qué prezo?
Moitos restauradores ocúpanse desta labor con certa autonomía, ainda que na súa maioría teñen sobre eles un control remoto que ven dado polo interese económico. Sabemos que os concursos por acadar obra de máis ou menos interese cultural e social obriga, en moitos casos a apretar un orzamento, non só en prezo senón tamén en tempo. Non sei qué é o peor, porque moitos de nós, ainda que traballando cós medios máis escasos conseguimos resultados positivos e respetuosos coas obras de arte, sen embargo, o tempo non ten cabida. Moitos dos tratamentos visualizados a partir das alteracións, conseguen superarse e alongarse no tempo, obrigando a unha ralentización de todo o proceso. E ainda que sabemos que no informe de entrada é obrigado unha data de saída do obradoiro, sempre implicamos estos pormenores para non deixar de ser profesionais. Nembargantes non podemos comercializar coas horas de traballo, cada proceso é o que é e leva o que leva chegar ao seu fin, doutra maneira estaríamos danando o traballo e deixándoo incompleto, co único obxectivo de competir pola obra.
Un só orzamento e dous parámetros incompatibles: o constante dilema.

DECORACIÓN, RELAXACIÓN, CREACIÓN

O vindeiro día 22 de marzo comeza un curso de Mandalas no obradoiro de arte Ronsel. Os obxectivos son introducir ós asistentes no mundo dos mandalas, un método que axuda a descubrir a propia creatividade, vencendo a rutina e o stress de forma doada. Cun percorrido polos numerosos tipos de mandalas e as súas posibilidades, o alumno pode ser quen de crear os seus propios deseños e experimentar con técnicas e materiais novos. De modo paralelo, esta actividade ten unha finalidade terapéutica onde o alumno gañará en confianza e serenidade mediante a creación.
O curso realizarase dentro da programación da concellalía de xuventude para este ano 2008. A duración do curso será de 12 horas, repartidas en clases de 2 horas, tódolos sábados, de 17 a 19 horas da tarde. Esperámosvos a todos ¡¡¡

sábado, febrero 16, 2008

MULLERES NA ARTE

“Arte, muller e sociedade, unha complicada dialéctica. Musas femininas tras xenialidades masculinas" é o título da conferencia que terá lugar o 21 de febreiro na Sede Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela, dentro do ciclo divulgativo "Mulleres na Arte: Ausencias e presenzas. Musas e artistas". "O longo período das ausencias creativas. Muller, modelo pero non artista” será a segunda conferencia e terá lugar o 28 de febreiro. Estas sesións formúlanse como unha constatación gráfica e estilística do intenso protagonismo que tivo a muller como musa ou modelo no ámbito das artes plásticas, a través dos coñecementos de Ana Pereira Morales. Este novo ciclo de conferencias chega á Fundación Caixa Galicia có fin de facer unha breve incursión no mundo da arte e a súa relación có sexo feminino. Esta licenciada en historia da arte, encargarase de darnos a coñecer a complicada relación entre arte, muller e sociedade establecida ao longo da historia.

ARCO 08

Dente este venres e ata o 18 de febreiro estase a celebrar en Madrid a feira de arte ARCO 2008, un punto de encontro para todo profesional no mundo da arte contemporánea. Antón Patiño, Pamen Pereira, Vicente Blanco, Álvaro Negro, Jorge Perianes, Rubén Ramos Balsa, Francisco Leiro, Pedro Barbeito e Diego Santomé son algúns dos nomes galegos que sonan nesta edición.
O programa artístico de ARCO 08 contará finalmente coas propostas de catro galerías galegas seleccionadas polo Comité Organizador para ARCO, que xa vai pola edición número 27.
A galería viguesa Ad Hoc formará parte do programa xeral, que reunirá grandes galerías de todo o mundo. Por outra banda, Bacelos e Trinta incorpóranse a ARCO40, un espazo novidoso dentro da feira que reunirá obra artística producida por tres artistas nos tres últimos anos nun espazo limitado a 40 metros coadrados.
Con sede en Santiago, Trinta presentará nesta edición o proxecto artístico esto no es pop, do artista catalán Carlos Pazos. A obra explora a arte conceptual mediante vídeos, música orixinal, obxectos e fotografía.
Bacelos estará tamén en ARCO 40 coa proposta de Victoria Diehl. A artista galega parte do mito de Pigmalión para xogar coa ambigüidade das estatuas que se volven reais na imaxinación e das persoas que se volven imaxe. A fotógrafa Laura Torrado e a artista portuguesa Catrina Campino forman parte do abano de Bacelos para ARCO 40.
Ademais, nesta edición inclúese a sección Expanded-Box, unha aposta polas tendencias que exploran a influencia da tecnoloxía na arte, e na que estará presente a Galería C5 compostelá coa obra da lucense Ana de Matos Face to Face, na que a artista contrapón o glamour da pasarela fronte ás imaxes de miles de mulleres producindo nos talleres de China.
Tamén na sección Solo Projects participará a galería viguesa Ad Hoc cunha instalación de Josep-María Martín.

O CAMIÑO DE BALDOSAS AMARELAS

Coma se dun conto se tratase, e aceptando paralelismos, esta pintura de Yaiza Aguín, ten un tema escollido dun texto ilustrado. Teño que dicir que a elección veu dada pola profesora, xa que podía ser un perfecto exercicio de pintura, onde a mestura de cores estaría por riba da representación de realidades e formas. O resultado foi moi satisfactorio e Yaiza está comezando a traballar máis libremente. O seu ollo deixa de mirar para ver mellor os detalles e diferencias sombras e luces que antes eran imprecisas. A partir de agora as pautas, ainda que non tan constantes, estarán presentes para un avance máis avanzado e progresivo. Parabens.

ÁRBORE ORIENTAL

Aquí temos un motivo sinxelo e simple: unha árbore de ramaxe espido. As formas son secundarias, deixando o protagonismo ao fondo, unha gradación de cores que simulan un atardecer de recordo oriental. O paso do amarelo pálido ao laranxa serve de contraste cos motivos decorativos das flores e follas, brancos e verdes, motivos da pintura. Mónica López persegue unha composición decorativa, onde o cromatismo é o principal elemento a ter en conta.

lunes, enero 28, 2008

UNHA MEDALLA MÁIS

O ministro de Traballo, Jesús Caldera, impuxe hoxe luns na Coruña a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo a Isaac Díaz Pardo, despois de que fosen galardoados polo Consello de Ministros o pasado 7 de decembro.
Díaz Pardo foi distingido xunto con outras 33 persoas, co obxectivo de premiar e destacar o mérito dunha "conduta socialmente útil e exemplar" no desempeño dos deberes que impón o exercicio de calquera traballo, profesión ou servizo, segundo informaron dende o Ministerio en nota de prensa.
Na edición deste ano están representadas todas as comunidades autónomas e outorgáronse medallas a un total de sete empresarios, un líder social, nove educadores e académicos, dous profesionais superiores, nove traballadores e seis traballadoras da cultura e a arte.
Isaac Díaz Pardo recibía onte coa súa habitual modestia a nova da condecoración, comentando que o seu maior mérito é o de pasarse a vida "templando gaitas". En todo caso, agradeceu a medalla, sobre todo por ser otorgada nun momento coma o actual, xa que foi apartado da dirección do Grupo Sargadelos, que fundou xunto con Luis Seoane e Andrés Fernández Albalat. O seu último refuxio, incluso vital, é o Instituto Galego de Información e a nova dirección acaba de convocar unha xunta de accionistas do IGI para restarlle o pouco poder que queda ao fundador, que teme que queiran vender o edificio e quedarse cos cartos, poñendo así fin a un proxecto cultural de décadas.

ANTONIO MURADO AM 34 x 24 Vol.1

A exposición "Antonio Murado AM 34 x 24 Vol.1" segue de xira polas principais cidades galegas e agora tócalle recalar nas pertencentes á provincia de Pontevedra. Do 25 de xaneiro ao 30 de marzo, divídese entre o Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia de Vigo e a Sede F.C.G. de Pontevedra para mostrarnos o último traballo do artista lucense. Con ela poderemos coñecer de preto 107 pezas de Antonio Murado ademais dun texto do seu irmán, o periodista, escritor e guionista Miguel-Anxo Murado.

COIDAR O NOSO PATRIMONIO

Podemos defini-lo patrimonio cultural dun pobo como o conxunto de bens, materiais e inmateriais, de recoñecido valor que reflicten as tradicións e a forma de vivir e pensar ó longo do tempo. Podemos dicir que o patrimonio cultural de Galicia é o conxunto de elementos materiais e inmateriais que conforman as características específicas da nosa cultura e caracterízase pola súa abundancia, variedade e ampla dispersión xeográfica así como a vinculación á paisaxe que os rodea.
Na concepción recollida na Constitución Española a noción de ben cultural queda subordinada á posibilidade do gozo público, o que, á súa vez, se vincula ó deber de conservación, e iso con independencia de que a súa titularidade sexa pública ou privada.
Así pois, xa que os bens culturais teñen un valor de testemuña histórica e de civilización, os propietarios e as diversas administracións deben preservar ese interese xeral que é o noso patrimonio histórico. No exercicio dese cometido estes entes públicos precisan a colaboración das institucións e, sobre todo, dos cidadáns, no coidado, defensa, protección, conservación e custodia de tódolos bens que forman parte do noso patrimonio cultural.
Nembargantes, para protexe-lo noso patrimonio cultural resulta necesario coñecelo e valoralo mellor; ó tempo que esa concienciación nos axudará a entende-las nosas raíces.

jueves, enero 24, 2008

UN PICASSO

``Un Picasso´´ parte do feito real, ainda que todo o que vexamos e escoitemos en escea fora ``probablemente´´ inventado polo escritor americano Jeffrey Hatcher. Durante a ocupación nazi de París, Picasso é detido por uns soldados alemáns. Hai humor, poesía, teatralidade e un magnífico vehículo para que, pasando por diferentes matices, dous actores da talla de José Sacristán e a galega Sonia Castelo luzan en todo o seu esplendor. Na Coruña e Pontevedra os días 25, 26 e 27 deste mes.

jueves, enero 10, 2008

EN PORTADA

Esta semana visitounos no Centro de Restauración de Ourense, onde traballo, uns reporteiros de La Voz de Galicia, para facer unha reportaxe. Cal foi a nosa sorpresa cando nos vimos na portada da edición do día seguinte. O que non sabía era que tamén saíra no resto das edicións galegas, por eso apureime tanto en compra-lo. Ao resto do equipo e máis a min, fíxonos moita ilusión de ver publicado o traballo e a descripción do centro que realmente pode considerarse único en Galicia, polo traballo que abrange, pola tecnoloxía que posee nas súas instalacións, e sobre todo, pola obra coa que se traballa, que é de luxo. Aquí me tedes coa última obra restaurada, un San Antonio Abad, que en Galicia chamámoslle popularmente San Mauro, e que como santo dos animais ven moi ben acompañado por un porquiño. Se queredes ver a noticia completa premede aquí.

viernes, enero 04, 2008

ESPIDO

Tan sinxelo como este corpo espido. Así comeza o ano Ardoiz. Entre minimalista e realista, a policromía pasa desapercibida para deixar un oco ás formas e a perspectiva. Todo o corpo está en escorzo hacia nós, dende a man que se alonxa ata o pé que se agocha. Un corpo tan clásico como o de Rubens pero cunha estética máis próxima á contemporánea. Un abuso das luces sobre as sombras deixa como protagonistas as manchas de sombra natural que deixa o corpo sobre o chan. Moi logrado e dedicado, noraboa.