miércoles, diciembre 31, 2008

A MULLER DE DALÍ

A través dunha fiestra unha muller observa a paisaxe iluminada do exterior. O contraste é patente e perfectamente delimitable entre interior e exterior. Yaiza Aguín supérase cada vez máis, e que ainda que a obra puido ter uns remates máis elaborados, a iniciativa de escoller este tema de confección tan realista é un punto ao seu favor. A opción de paleta de azuis e grises é moi variada, con tonalidades que varían dende o magenta ao azul celeste, acompañados do branco e negro, da luz e da oscuridade.
Esta muller de espaldas presenta moitas interpretacións, ainda que a máis xeralizada foi a de ser a súa amate, muller e compañeira Gala, que representa en moita da súa obra. Ainda que aquí ten a función de espectadora, as súas aparicións soen ser muy variadas sempre como protagonista.

O VELEIRO

A nosa xove alumna Andrea García, probou cunha temática do máis tradicional. Un veleiro clásico que navega en alta mar. Unhas cores sobrias onde prevalece a paleta azul non deixan espazo á sorpresa nin a improvisación. Toda a actividade pictórica está adicada ao retoque, a execución minuciosa e a copia exacta. Ainda que non pode considerarse unha obra apropiada para perfeccionar a técnica do óleo ou introducir novas aplicacións, trátase dun exercicio bo para exercitar o pulso e a precisión. A próxima obra, totalmente aparte.

miércoles, noviembre 19, 2008

CARLOS SOBRINO (1885-1978)

Caixanova mostra na Sala de Exposicións do seu Centro Social de Pontevedra a exposición ‘Carlos Sobrino (1885-1978)’, un percorrido pola obra do pintor pontevedrés no que se insiren máis de setenta obras entre pinturas, debuxos, gravados e documentación orixinal da época.
Carlos Sobrino, como Castelao, pertence á xeración nacida na década dos oitenta do século XIX, que na arte galega é a de artistas como Xesús Corredoyra, Manuel Abelenda, Camilo Díaz Baliño ou Felipe Bello e na literatura corresponde á Xeración Nós, na que se inclúen nomes como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino L. Cuevillas... Rexionalismo e simbolismo explican en boa medida a obra inicial de Carlos Sobrino. Os primeiros traballos do pintor sitúanse entre o academicismo, os influxos simbolistas e a pegada do ambiente cultural xerado pola crise do 98. Outras influencias sobranceiras das que atopamos exemplos na produción de Sobrino son o modernismo e máis a estampa xaponesa, con obras que teñen de oriental a aérea delicadeza e semellan xurdir dunha intención que prima máis a emoción que a descrición.
O pintor incorpora tamén aos seu traballos a tradición gráfica das artes decorativas e o vocabulario ornamental modernista, tan común na arte europea desta altura. En xeral, estes referentes formais están ao servizo dunha temática de rexionalismo costumista e idealizado. Así mesmo, percíbese nel a impronta do espírito sofisticado e elegante da art déco, que se abre camiño entre nós nun momento –anos vinte- no que o rexionalismo está de moda en toda Europa. A este ambiente e influxos responden abondosas obras con finalidade publicitaria, carteis, anuncios, capas de libros...
Pero sobre todo salientan na súa obra os temas costumistas e folclorizantes galegos, nos que combina con grande estilización, elementos modernizadores no uso da cor e na planimetría e un evidente decorativismo. Esta vontade por salientar o elemento popular galego é parte dun interese xeneralizado da cultura galega de procura das raíces, non alleo en absoluto ao que acontece noutros espazos nacionais europeos, pero que en Sobrino acaba por ser o seu medio fundamental de expresión.

O CIRCO DE ABU GHRAIB

O artista colombiano Fernando Botero estará mañá en Vigo para presentar a exposición súa que ata febreiro se poderá visitar na Casa dás Artes. Trátase da mostra «Abu Ghraib- O Circo» unha produción realizada en colaboración co Instituto Valenciano de Arte Moderno e que presenta as dúas series máis influentes do traballo recente do artista e que se poderá visitar na Casa dás Artes ata o próximo 1 de febreiro.
O pintor colombiano Fernando Botero reuniu de novo aos seus tradicionais «gordos» para denunciar a «violencia oficial» que o Exército estadounidense empregou contra os iraquís no cárcere de Abu Ghraib e, como contraposición e cara da mesma moeda, metelos no circo e a súa orxía vital de cores.
Segundo comentou ou o artista na presentación desta exposición en Valencia, el coñeceu o terror do cárcere de Abu Ghraib ao ler un artigo mentres viaxaba en avión. A «ira» e o «desasosego» que sufriu fixéronlle comezar, cos seus primeiros bosquexos, a «facer visible o invisible» e durante catorce meses creou o medio centenar de obras que agora poden verse en Valencia tras o seu paso por EEUU, Italia, Alemaña e México.

sábado, noviembre 15, 2008

ABELLA

O que máis sorprende desta obra é a calidade das texturas, a trasparencia dos tonos e o protagonismo do claroscuro que fan da representación unha imaxe que non pasa desapercibida. Usando os tons das abellas, Mª José Ardoiz, conseguiu cunha gama de cores amarelas fusionar a flor coa protagonista: a abella. O branco e o negro serven de encaixe para as luces e as sombras, perfectamente delimitadas e que ofrecen á pintura un carácter do máis realista. Moitas felicidades por este avance, un paso máis hacia unha técnica perfeccionada e dominada.

VIOLETA

O Concello de Sanxenxo a través do O.A. TERRA de Sanxenxo, xa comezou a "IV Convivencia Artística TERRA DE SANXENXO", dende o día 16 ata o 28 de Novembro. Os estudantes participantes son de segundo e tercer ciclo das Facultades de Belas Artes españolas e portuguesas.

Nesta sexta edición o VIOLETA será a cor protagonista. O O.A. TERRA de Sanxenxo editará un catálogo que recolla o traballo dos participantes e organizará unha exposición, reservándose a elección dunha obra de cada un dos mesmos, que será donada e pasará a formar parte do patrimonio do Concello de Sanxenxo.

ENTRE FLORES

Seguindo a serie de motivos florais, a alumna Maribel Gondar, está a realizar un conxunto de pequenos tablex pintados ao óleo. As cores son as protagonistas, con fondos de tonalidades azuis, malvas e violetas que contrastan con branco e verde das representacións vexetais. Ainda que queda moito por avanzar, esta temática é un medio para conseguir a dominio da mestura dos pigmentos e do control da pincelada. Esperamos a seguinte representación xa comezada.

domingo, octubre 12, 2008

DORA MAAR

Amante de Picasso pero tamén artista, esta muller retratada ten unha conexión directa como musa, amiga e amada. É inevitable que o seu nome sone públicamente por esta relación co maestro que a retrata, ainda que é preciso engadir a súa gran calidade como fotógrafa. Nestge modelo de retrato de grande interese para a nosa alumna Luísa, as cores acompañadas e guiadas da liña negra fan atractiva a pintura e demostran o grande dominio da fisonomía e perspectiva por parte do grande maestro do cubismo.

lunes, septiembre 08, 2008

PASAXES NA MEMORIA

Foi o mes pasado. O día 22 de agosto levouse acabo a entrega do Premio Luis Cuadrado. Foi un día especial e emocionante, acompañada da familia e dos protagonistas do estudo. É unha homenaxe aos represaliados políticos da Guerra Civil no concello de Sanxenxo e a todos aqueles nomes que permaneceron ocultos demasiado tempo por medo, por vergoña ou por indiferencia.

SOÑO DE DALÍ

Esta representación realista é un soño-copia de Dalí, o xenial artista que tanto atrae a nosa alumna Yaiza. A figura feminina espida de tan complicada anatomía foi quizais o motivo máis traballado. O chan frío e recortado contrasta co paisaxe limpo e valeiro. Un avance máis para esta nova pintora que destaca na súas pinturas, paso a paso.

FOLLAS IMPRESIONISTAS

Elixida pola nosa alumna máis xoven, Lucía decidiuse por esta temática impresionista onde as pinceladas vibrandes de cor forman conxuntos de natureza perfectamente entendible. Os verdes priman na composición, nunha variada policromía desde os amarelos aos brancos. Foi unha obra rápida pero interesante para a práctica da mestura da cor e a impresión da pincelada.

lunes, agosto 11, 2008

AS ILLAS DA MEMORIA

Non podo dicir que fose unha visita máis a unhas illas. Non era unha visita con interese turístico ou natural. Foi máis que iso, foi un contacto coa historia, coa nosa historia esquecida e descoñecida que comeza a saír do perímetro de dúas illas e do que alí pasou entre os muros das instalacións rehabilitadas. O paseo polos sendeiros percorrendo as marabillosas especies naturais, contrasta coa cruda realidade vivida 70 anos atrás, relatada de forma sinxela e perfectamente entendible polo ruta. Tras un estudo dos acontecementos vividos, tras unha relación persoal coas persoas que o sufriron, esta viaxe completou o círculo, poñendo imaxes ás palabras, citas e testimonios escoitados. Foi triste pero foi real, e quedará sempre como parte da miña experiencia vital.

REDEIRAS

Marina Canut Caneda remata este lenzo de temática mariñeira no obradoiro de arte. As súas influencias recurren aos primeiros pintores do estilo costumbrista galego: Colmeiro, Maside, Laxeiro, sempre dende unha técnica inicial realista. As cores intensas e contrastadas enfréntanse aos temas máis tradicionais da paisaxe laboral mariñeira. Tres mulleres de antaño e de agora, nunha práctica por momentos esquecida pero de gran valor etnográfico e cultural.

VISITA ÁS CÍES

Este verán por fin conseguimos visitar esas illas tan paradisíacas, coñecidas no mundo enteiro. Entre amigos e familia aproveitamos a estancia dunha amiga noruega para disfrutar deste parque natural tan extraordinario. Ainda que no desembarco, a desilusión da néboa foi o máis xeneralizado, non foi escusa para percorrer as catro rutas. O peor de todo foi que a máis difícil deixámola para o final, e a punto estiven en botarme atrás. Esperamos visitalas máis adiante, cando o tempo acompañe e poidamos descubrir os horizontes tan fermosos que atopamos agochados.

martes, agosto 05, 2008

A PINTAR CANGAS

A Asociación Cultural A CARÓN DO MAR e o CONCELLO DE CANGAS anuncian a convocatoria da V Edición do concurso de pintura rápida 'A PINTAR CANGAS', que terá lugar o domingo 24 de agosto do 2008 e invita a tódolos interesados en mostrar a súa propia concepción da arte a participar. Preme aquí para ve-las bases.